Cookies

Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 04/04/2024 | No Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo 2024, elevamos as voces como mostra de solidariedade e compromiso coas persoas con autismo e as súas familias.

No Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo 2024, elevamos as voces como mostra de solidariedade e compromiso coas persoas con autismo e as súas familias.

A Federación Autismo Galicia realizou o seu acto institucional dando visibilidade aos servizos de Diagnóstico, Atención Temperá, Atención e Habilitación Psicosocial, e servizos de apoio as persoas con autismo e familias, coa visita ao centro CAMI de Fundación Menela. #DiaMundialDelAutismo #AutismoCercaDeTi
 

04/04/2024

 
O 2 de abril celébrase o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, unha data instaurada por Nacións Unidas para visibilizar ás persoas con trastorno do espectro do autismo (TEA) e contribuír a promover o exercicio efectivo dos seus dereitos.
 
O autismo está máis cerca do que imaxinamos; está presente nos nosos fogares, escolas, lugares de traballo e comunidades. É unha parte inseparable da diversidade humana e, por isto, resulta fundamental que toda a cidadanía recoñeza a súa presenza cotiá.
 
O autismo maniféstase de maneira diferente en cada persoa que o presenta e non sempre é facilmente identificable a primeira vista. Por isto, podemos ter cerca a alguén que está no espectro do autismo e non sabelo: un familiar, un amigo, un compañeiro de clase do noso fillo ou filla, unha persoa da nosa contorna de traballo...
 
No noso país, esta condición ten unha prevalencia aproximada de 1 de cada 100 nacementos, unhas 27.000 persoas con autismo en Galicia e unhas 470.000 en España.
 
Como declarou a presidenta da Federación Autismo Galicia, Mercedes Fernández Angulo: "Queremos facer un chamamento a un compromiso colectivo que celebre a diversidade e contribúa a promover a inclusión real de todas as persoas na nosa sociedade. Porque o autismo é unha parte natural e valiosa da diversidade humana e está presente, de unha forma ou outra, na vida de todas as persoas".
 
O Día mundial do Autismo é un día para que todos e todas estendamos a man e nos comprometamos a traballar xunto coas persoas autistas para construír un mundo máis inclusivo, equitativo e participativo. Porque xuntas podemos crear un futuro onde a diversidade sexa celebrada, a inclusión sexa a norma e cada persoa, independentemente da súa condición, poida prosperar e ser valorada.
 
Neste Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo 2024, elevamos as voces como mostra de solidariedade e compromiso coas persoas con autismo e as súas familias. Porque, todos os días, o autismo está cerca de ti.
 

ACTO INSITUCIONAL DA FEDERACIÓN AUTISMO GALICIA NO MARCO DO DÍA MUNDIAL DO AUTISMO.

A Federación Autismo Galicia realizou o seu acto institucional dando visibilidade aos servizos de Diagnóstico, Atención Temperá, Atención e Habilitación Psicosocial, e servizos de apoio as persoas con autismo e familias, coa visita ao centro CAMI de Fundación Menela.
 
A visita organizada pola Federación Autismo Galicia, no marco do Dia Mundial do Autismo pretende facer un achegamento dende as necesidades de servizos para as persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA), fortalecendo o noso compromiso coa mellora da atención, e promovendo o seu benestar integral, incidindo na importancia da colaboración coas distintas entidades e o apoio da administración, para seguir avanzando e construíndo un futuro cada día máis xusto para as persoas con TEA.
 
Para garantir a súa calidade de vida, as persoas con TEA, especialmente aquelas con máis necesidades de apoio, necesitan acceder a unha serie de servizos individualizados, específicos e especializados que deben ir adaptándose en función da etapa do desenvolvemento na que se atopen, así como das experiencias que fosen adquirindo ao longo da súa vida.
 
Ademais, debemos ter en conta que o TEA non impacta só en quen o presenta, senón tamén na súa familia. Sendo a familia a fonte de apoio principal para as persoas con autismo, é indispensable tamén atender as súas necesidades, contribuíndo así a garantir o seu benestar emocional e a súa calidade de vida.
 
A visita ao Edificio CAMI celebrouse o día 2 de abril, coa presenza da Conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada pola xunta directiva da Federación Autismo Galicia conformada por: Mercedes Fernández Angulo, Luís González Rodríguez, José Manuel Varela Rodríguez, Esperanza Domínguez Bautista, Patricia Blanco, xunto a profesionais técnicas do CAMI de Menela, familias e persoas con autismo.
 
Ademais destas accións que incidiron na visibilización das necesidades e dereitos do colectivo, a xunta directiva da Federación Autismo Galicia e persoas con autismo, trasladaron á Consellería de Política Social, as demandas do colectivo TEA para este novo mandato da administración.
 
 
 
 
 
 
 
 

 

 

Archivada en:
Infórmate > Noticias