Cookies

Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 24/02/2023 | No día da psicoloxía destacamos o papel do profesional da psicoloxía no proceso de detección temperá e diagnóstico do TEA.

No día da psicoloxía destacamos o papel do profesional da psicoloxía no proceso de detección temperá e diagnóstico do TEA.

A avaliación do TEA debe efectuarse desde un enfoque multidisciplinar. Profesionais que teñan unha alta especialización en TEA e en diagnóstico. Campaña #DiagnósticoAutismo

24/02/2023

Moitas familias percorren este período incerto no que notamos certos sinais de alerta nos nosos nenos e nenas.
Temos que ter en conta que é no ámbito familiar ou escolar onde se advirten estes sinais, polo que serán as persoas máis achegadas as que en primeira instancia teñan o maior coñecemento daquilo que notamos como “diferente", aqueles sinais que nos fan ir en busca dun diagnóstico. Podes consultar Información para familias premendo neste enlace.

O diagnóstico de autismo.

O trastorno do espectro do autismo (TEA) manifestase nos primeiros tres anos de vida, varios estudos falan de marcadores temperás ao redor dos doces meses. A maioría das sinais preséntanse na primeira infancia, pero isto non é excluínte para que o diagnóstico sexa máis tardío. Hai persoas nas que a detección é máis complexa, nos que se debe valorar a súa evolución, ou persoas que non teñen unha clara manifestación dos seus síntomas ata o inicio da idade escolar ou  máis adiante, cando as esixencias sociais superan as capacidades individuais.

O autismo non se diagnostica a través da presenza de marcadores biolóxicos, non hai un estudo como as análises de sangue ou xenéticos que determinen o diagnóstico.

O diagnóstico determinase a través dun proceso de observación, unha análise moi completa do comportamento da persoa, coñecendo a súa historia de desenvolvemento e aplicando probas específicas de cribado ou de detección do autismo.

Unha historia evolutiva non que se puideron observar signos nas idades máis temperás como:

  • Diferenzas no seu desenvolvemento afectivo-social, como gran dificultade na expresión. compresión e uso das emocións, pobre o ausente contacto ocular, falta de interese por compartir, etc.
  • Diferenzas no desenvolvemento da comunicación e a linguaxe, como non responde ó seu nome, non sigue instrucións, hai atraso na linguaxe ,etc.
  • Dificultades no desenvolvemento motor, como estereotipias motoras, control postural, dificultades na coordinación de movementos, etc.
  • Dificultades no desenvolvemento cognitivo, como rixidez nos procesos de pensamentos, baixa capacidade para prever eventos, dificultade para a imitación, etc. 

Ou outros indicadores en fases máis tardías de dificultades na comunicación ou interacción social ou patrón máis ríxidos de conduta ou comportamento.

A avaliación do TEA debe efectuarse desde un enfoque multidisciplinar. Profesionais que teñan unha alta especialización en TEA e en diagnóstico.

A avaliación do TEA debe efectuarse desde un enfoque multidisciplinar. Profesionais que teñan unha alta especialización en TEA e en diagnóstico. Profesionais da psicoloxía, logopedia, terapia ocupacional, etc. E debe axustarse a realidade da persoa con TEA e os seus contextos máis próximos.  Estes profesionais levarán a cabo posteriormente unha intervención multidisciplinar que incluirá a persoa con TEA, a familia e a súa contorna.

A avaliación médica e neurolóxica pode aportar unha historia detallada sobre o desenvolvemento, exames ou probas físicas e neurolóxicas. Nalgúns casos é necesario a realización de estudos de cariotipo para detectar posibles síndromes xenéticos como o síndrome X- Fráxil. Ademais nalgún caso é necesario probas complementarias (electroencefalograma, resonancia), xa que o TEA pode cursa con crisis epilépticas ou outros síntomas a nivel orgánico.

O papel da psicoloxía na valoración diagnóstica do TEA.

Dentro do equipo de valoración diagnóstica o profesional de psicoloxía pode diagnosticar autismo observando a conduta da persoa e entrevistando a familia ou a propia persoa, seguindo os criterios diagnósticos recollidos no Manual Diagnóstico e Estatístico de Trastornos Mentais DSM V ou na clasificación europea de CIE-11 e utilizando entrevistas clínicas estandarizadas para o diagnóstico do TEA, como ADIR-R. Así, estuda as súas áreas desenvolvemento, manexo da linguaxe, as súas habilidades de comunicación, como interacción con outras persoas, entre outros síntomas. Para unha avaliación máis ampla pode tamén entrevistar e pasar escalas a outras persoas en contacto co paciente, como os seus mestres ou profesores.

O profesional de psicoloxía levará a cabo unha avaliación en profundidade durante as primeiras sesións, onde terá en conta a vida evolutiva da persoa, os seus intereses e reforzadores. O profesional deberá ter unha especialización diagnóstica, así como no uso de ferramentas deseñadas para tal fin, como a escala de observación para o autismo (ADOS-2) ou outras probas para avaliar cociente intelectual, atención, funcións executivas, aspectos socio-emocionais, etc.

Comorbilidades.

O profesional da psicoloxía tamén terá un papel na realización de diagnósticos diferenciais ou tamén diagnósticos duais. Unha persoa con TEA pode ter asociado outro diagnóstico, dando lugar a un diagnóstico dual, como epilepsia (con maior prevalencia na poboación xeral, hiperactividade, déficit de atención, trastornos do sono ou trastorno obsesivo compulsivo. Tamén poden estar presentes outras alteracións na saúde mental, como ansiedade, depresión ou outros trastornos do estado do ánimo.

A súa avaliación axúdanos a describir aspectos do perfil cognitivo da persoa para determinar tanto obxectivos de intervención como información para a toma de decisión sobre a intensidade de apoios no seu desenvolvemento ou para axustarnos o seu ritmo de aprendizaxe, coñecer a súas fortalezas, etc. E dar orientacións individualizadas para todas as persoas que poidan prestar apoio a persoa con TEA.

Campaña #DiagósticoAutismo #PortiTEA

A Campaña #DiagósticoAutismo #PortiTEA pon o foco na incidencia da IMPORTANCIA DA DETECCIÓN e DIAGNÓSTICO do TEA.

  • É necesario seguir traballando na liña de sensibilización e coñecemento dos TEA.
  • Para asegurar un adecuado recoñecemento do TEA é fundamental a súa detección precoz e o diagnóstico adecuado, de forma que se garantan os apoios necesarios para promover a súa participación e inclusión social.
  • Un proxecto dedicado a Información e Sensibilización que xorde ante a necesidade de pór o foco as necesidades e realidade das persoas con TEA, contribuíndo a xerar unha mirada máis ampla e profunda en torno á súa singularidade.

Temos que incidir na necesidade do acceso a unha valoración diagnóstica especializada realizada por un equipo interdisciplinar, gratuíta e no menor tempo posible, para todas as persoas que presenten unha sospeita de tea, con independencia da etapa da vida na que se produza a identificación das súas características.

Desta necesidade xorde a Campaña #DiagósticoAutismo #PortiTEA, que aglutina unha serie de accións de visibilización e sesibilización ao respecto do diagnóstico do autismo.

 

 

 

 

O deseño desta campaña foi realizado pola Federación Autismo Galicia e forma parte da Estratexia para a Concienciación sobre o Autismo en Galicia.

Subvencionado pola Xunta de Galicia -Consellería de Política Social- a través das subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7% do Imposto sobre a renda das personas físicas (IRPF)..

 

 

 

 

Archivada en:
Infórmate > Noticias