Cookies

Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 15/02/2023 | A Federación Autismo Galicia comparte coas súas entidades o novo Proxecto Rumbo

A Federación Autismo Galicia comparte coas súas entidades o novo Proxecto Rumbo

O venres 10 de febreiro a Federación Autismo Galicia realizou a presentación do “Proxecto Rumbo: cara un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva” dirixida ás entidades asociadas.

15/02/2023

O venres 10 de febreiro tivo lugar a presentación do “Proxecto Rumbo: cara un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva” organizada pola Federación Autismo Galicia co obxecto de dar a coñecer o proxecto e articular vías de colaboración entre as entidades federadas.

O proxecto Rumbo pretende transformar o modelo de apoio á autonomía persoal das persoas con discapacidade, procurando novas solucións que promovan a súa independencia e garantan o seu dereito a vivir na comunidade cos apoios que precisen.

RUMBO AUTISMO

Dentro do marco do autismo, o obxectivo xeral do proxecto é coñecer a situación actual e as necesidades que presentan as persoas adultas no espectro en relación á vida independente e a participación social. Así como, identificar todos os recursos e servizos existentes destinados á vida adulta das persoas con TEA e as súas familias, co fin de analizalos, localizar recursos innovadores e boas prácticas, para finalmente definir e propoñer novos sistemas de apoio.

Este traballo levarase a cabo mediante a realización de dous estudos de investigación, nos que se combinará a metodoloxía cuantitativa e cualitativa para analizar e incrementar o coñecemento nestas áreas fundamentais na vida das persoas con TEA.

Para iso, necesitamos que as persoas no espectro do autismo maiores de 16 anos, as súas familias ou os seus representantes legais nos transmitan as súas opinións, os seus desexos e as súas necesidades relativas á vida adulta e á participación na sociedade. Poderán facelo a través de 2 cuestionarios online – un sobre vida independente e o outro sobre participación na comunidade – tamén, a través de entrevistas individuais onde se recollerán as súas experiencias, as súas metas e expectativas de vida futuras. Crearanse ademais, grupos de discusión, onde familiares e profesionais poderán transmitir a súa visión, experiencia e coñecementos tratando aspectos relacionados coa mellora da calidade de vida das persoas adultas con TEA.

Necesitamos dar voz ás persoas no espectro, ás súas familias e ós profesionais que os apoian, necesitamos a colaboración de todos os axentes implicados para que as solucións que se propoñan cubran as necesidades e expectativas de vida que presenta o colectivo e recoñezan os seus dereitos.

Agradecemos enormemente a asistencia a todas as entidades convocadas, o tempo dedicado permitiranos avanzar neste proxecto e promover melloras nos mecanismos de apoio ás persoas no espectro do autismo.

O PROXECTO RUMBO

Rumbo é un proxecto colaborativo no que participan 5 Confederacións do sector da discapacidade xunto co seu tecido asociativo: COCEMFE, ASPACE, PREDIF, FEDACE e AUTISMO ESPAÑA. Suman un total de 22 entidades, entre as que se encontra a Federación Autismo Galicia, e conta con representación en 5 comunidades autónomas - Andalucía, Aragón, Castela e León, Cataluña e Galicia -.

Está financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 con cargo o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, ligado á súa vez ós fondos NextGenerationEU da Unión Europea.

Encádrase tamén no marco da Estratexia Estatal de Desinstitucionalización, sendo un dos 20 proxectos de experimentación e innovación social que promove o Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.

O proxecto Rumbo centra o seu traballo en 2 campos fundamentais: na investigación e promoción de solucións habitacionais inclusivas e na creación dunha nova carteira de servizos para o desenvolvemento dunha vida activa na comunidade.

 

Archivada en:
Infórmate > Noticias