Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 12/05/2021 | FUNDACIÓN MENELA PRESENTA A SEGUNDA EDICIÓN DO PROXECTO ´XACOBEO AUTISMO. UN CAMIÑO DE TODOS´

FUNDACIÓN MENELA PRESENTA A SEGUNDA EDICIÓN DO PROXECTO ´XACOBEO AUTISMO. UN CAMIÑO DE TODOS´

Trátase dunha segunda edición que da continuidade ao proxecto iniciado en 2019, no que os rapaces e rapazas de Castro Navás fixeron o tramo desde a vila mariñeira de A Guarda ata Nigrán. O obxectivo, no 2022, é chegar a Santiago de Compostela.

17/05/2021

A Fundación Menela, a Xunta de Galicia e o Concello de Nigrán presentaron no Centro Castro Navás a segunda edición do proxecto “Xacobeo Autismo. Un camiño de todos”, nun acto ao que asistiron a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, o alcalde do Concello de Nigrán, Juan A. González, o director xeral da Fundación Menela, Cipriano Luís Jiménez, e a directora do Centro de Día e Residencial Castro Navás, Pilar Pardo.

Grazas a esta iniciativa que comezou no 2019 e que no 2020 tivo que ser suspendida pola pandemia, 20 persoas con Trastorno do Espectro do Autismo e discapacidade intelectual asociada do Centro de adultos Castro Navás, acompañados de profesionais especializados, percorrerán o Camiño Portugués da Costa que enlaza as localidades de Nigrán a Pontevedra, pasando por Coruxo, Teis, Redondela e Arcade, entre os días 11 e 27 de maio. Trátase dunha segunda edición que da continuidade ao proxecto iniciado en 2019, no que os rapaces e rapazas de Castro Navás fixeron o tramo desde a vila mariñeira de A Guarda ata Nigrán. O obxectivo, no 2022, é chegar a Santiago de Compostela.

A edición deste 2021 vén marcada pola crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 así como pola necesidade de manter as máximas medidas de seguridade, pero tamén pola ilusión dos profesionais e residentes para implicarse nunha actividade que cambia a rutina do día a día, e que deixa atrás longos períodos de restricións de contacto social vividos por todos eles.

Ao abeiro do programa desenvolveranse outras accións complementarias que o enriquecen e o enchen de valor. Así, convidarase aos centros educativos a que acompañen de xeito virtual, con mensaxes de ánimos e compartindo información sobre o patrimonio de cada localidade (CEIP Humberto Juanes en Nigrán, Colexio Apostol Santiago de Vigo, CEE Saladino Cortizo de Vigo, CEIP Reboreda de Redondela, IES Montecelo de Pontevedra); recoñecerase o labor e dedicación dos profesionais sanitarios, especialmente da Área Sanitaria de Vigo, nun acto homenaxe que terá lugar este luns no Hospital Álvaro Cunqueiro, e no Centro de Saúde Val Miñor (o centro de referencia para o Castro Navás). Adicionalmente, contribuirase na accesibilidade do Camiño Portugués da Costa mediante a sinalización de espazos con pictogramas (Albergues Ponte San Paio en Arcade e Albergue A Conserveira en Redondela e os Centros de Saúde de San Paio de Navia e Centro de Saúde de Teis, ambos de Vigo).

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, valorou a proposta da Fundación Menela polo seu compromiso coa integración das persoas con autismo e a dinamización do Camiño Portugués pola Costa. Neste contexto. Fernández-Tapias subliñou o éxito do programa de “O teu Xacobeo”, que tal e como expuxo “permítenos diversificar, entre moitos colectivos e a través de moitos pequenos actos, o impacto do Camiño e o valor deste Ano Santo no que nos atopamos, incorporando centos de propostas á programación do Xacobeo”.

“Desde o Concello estamos encantados en colaborar con esta iniciativa á que xa nos sumamos no 2019 porque estamos plenamente concienciados coas necesidades especias das persoas con trastorno do espectro autista. Un Camiño accesible cognitivamente é tamén parte do noso programa ‘Un Nigrán para Todos’ no que participa a Fundación Menela, así que estamos moi orgullosos de que Nigrán sexa o punto de partida nesta edición”, incidiu o alcalde, Juan González.

O Proxecto está financiado polo Programa “O Teu Xacobeo”, impulsado pola Xunta de Galicia, cunha achega do Executivo autonómico de preto de 14.000 €, e conta coa colaboración do Concello de Nigrán, mediante unha subvención directa de 4.000 €.

Archivada en:
Infórmate > Noticias