Cookies

Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 08/05/2024 | A necesidade do profesional de enfermería na saúde das persoas con autismo.

A necesidade do profesional de enfermería na saúde das persoas con autismo.

No día Internacional da Enfermería, Xavier García-Armero, persoa con autismo e traballador na Federación Autismo Galicia, cóntanos as necesidades de apoio neste ámbito e os recursos para abordar os coidados de enfermería.

08/05/2024

O Consello Internacional de Enfermeiras (CIE) conmemora cada ano, o día 12 de maio, o día Internacional da Enfermería (DIE). E queremos renderlles unha pequena homenaxe polo importante papel que teñen na atención ás persoas con autismo e ás súas familias.
A enfermería está presente ao longo de todo o ciclo vital da persoa e en todos os coidados de saúde da persoa con TEA, non só desde os servizos de atención comunitaria e saúde mental senón tamén desde as múltiples especialidades nos que poden ser atendidas, ou nos servizos da rede de entidades da Federación Autismo Galicia.
O profesional de enfermería xoga un papel crucial na atención de persoas con autismo, algunhas razóns polas que a enfermería é fundamental son as seguintes:
 
  • O profesional de enfermería pode desempeñar un papel importante na identificación temperá de signos do autismo, a través do programa do neno san e que permitirá un diagnóstico oportuno e unha intervención axeitada.
  • Educación e apoio ás familias na vixilancia do desenvolvemento evolutivo ou nos coidados da súa saúde.
  • Promoción da saúde e o benestar. Os profesionais de enfermería poden formar ás persoas con autismo sobre hábitos saudables e habilidades para a vida diaria, promovendo a súa autonomía e calidade de vida.
  • Apoio durante os procedementos médicos: moitas persoas con autismo poden experimentar ansiedade ou dificultades durante os procedementos médicos ou de rutina. Os profesionais de enfermería poden proporcionar apoio emocional, técnicas de manexo do estrés e adaptacións ambientais e anticipación informativa dos procedementos para facer que estas experiencias sexan menos estresantes.

A importancia do papel da enfermería na anticipación de información.

En relación a isto último, queremos respaldar a importancia que teñen, para as persoas con autismo, a anticipación e a información comprensible previa dentro dos diferentes coidados de enfermería e programas médicos para saber que se van atopar cando acudan ás consultas para facer diferentes probas e sobre todo, o emprego dos apoios visuais necesarios, tales como pictogramas ou vídeos mostrando o paso a paso das diferentes probas médicas.
 
As persoas con autismo teñen xeralmente un estrés ou unha ansiedade moi alta cada vez que acoden ás consultas dos centros hospitalarios, motivada xeralmente polas malas experiencias vividas previamente.

Cóntanos o noso compañeiro, Xavier García-Armero, membro da "Consultoría Autista" persoa con autismo e traballador na Federación Autismo Galicia:

Unha persoa con autismo, con grandes necesidades de apoio, vai precisar dunha anticipación ampla e do uso de pictogramas cando acuda a calquera proba de enfermería, como por exemplo que os pais/titores lles anticipen a onde van ir, cos apoios visuais correspondentes. Se teñen que coller o coche, amosar á persoa con autismo o pictograma do mesmo, para que saiba que vai ser un traxecto máis ou menos amplo, despois amosar os pictogramas do material que o profesional de enfermería vai empregar e como o vai empregar.
 
Tamén é máis importante do que parece que as persoas que acompañen ós pacientes con autismo poidan entrar con eles na consulta, xa que eles ben saben se o seu familiar ou paciente está a piques de ter unha resposta que non estea ben vista na sociedade e poden dicirllo ao persoal de enfermería para que nese intre agarde ata que se calme e continuar co proceso cando a persoa con autismo estea máis relaxada, dando como consecuencia que as probas de enfermería sexan máis sinxelas de realizar e, á súa vez, non é unha experiencia negativa para a persoa con autismo que as tivo que padecer.
 
Canto maior sexa a anticipación e o uso dos apoios visuais que teñamos, máis tranquilos imos estar e poderiamos ter unha resposta socialmente adecuada, xa que as persoas con autismo vivimos na sociedade neurotípica cunha serie de rutinas estruturadas que, se por calquera motivo se cambian, nos xera unha sensación de estrés e ansiedade, ao non ser unha situación esperada, polo que cómpre que, na medida do posible, nos anticipen as diferentes manobras para as diferentes probas médicas, polo que recomendo a lectura de  Os meus coidados de enfermería e outras probas médicas, unha guía feita para que os responsables sanitarios poidan asesorar ou facilitar información aos pacientes con autismo ou ás súas familias, deseñada con apoios visuais explicando cada proba médica, co obxectivo de anticipar ás persoas autistas que van ter que facer en cada momento, que materiais ou instrumentos van empregar os profesionais sanitarios...
 

En canto a recursos para facilitar a información comprensible, a guía Os meus coidados de enfermería e outras probas médicas é unha ferramenta moi útil para rebaixar moito os niveis de estrés ou ansiedade que poidamos ter as persoas con autismo, á hora de acudir aos centros sanitarios para facer determinadas probas. Grazas a ela, poderiamos estar máis tranquilos e fariamos as probas cunha mellor actitude que se é algo novidoso ou puntual.

Ao procesar a información de maneira diferente, sería de moita axuda para nós ter este apoio visual coa guía, xa que con ela poderiamos coller confianza e seguridade e mentalizarnos do proceso que imos ter que ir pasando.

 
 
Podes consultar outros recursos de mellora da atención sanitaria na nosa Colección SAÚDE premendo AQUI.
 
 
 
 

 

 

 

Archivada en:
Infórmate > Noticias