Noticias
© Federación Autismo Galicia | 19/06/2026 | A Federación Autismo Galicia impulsa a formación para a comunidade educativa e a accesibilidade cognitiva nos centros de ensino galegos
A Federación Autismo Galicia impulsa a formación para a comunidade educativa e a accesibilidade cognitiva nos centros de ensino galegos
A entidade desenvolveu no curso 2025-2026 accións formativas no Centro Autonómico de Formación e Innovación, no Centro de Formación e Recursos de Pontevedra e en varios centros escolares, nun contexto de crecemento constante do alumnado con autismo nas aulas galegas.
19/06/2026
A Federación Autismo Galicia continúa desenvolvendo accións dirixidas a mellorar a atención educativa do alumnado con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) a través de programas de formación, sensibilización e accesibilidade cognitiva en colaboración coa comunidade educativa galega.
Durante o presente curso escolar, levamos a cabo formacións dirixidas ao profesorado en colaboración co Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), o Centro de Formación e Recursos de Pontevedra, o CEIP Praia Xardín de Boiro, o IES Muriel de Rianxo, o IES San Clemente de Santiago de Compostela, o CEIP Francisco Vales Villamarín e o CEIP ADR Castelao en Ordes.
Estas iniciativas enmárcanse na liña de traballo que a Federación desenvolve desde hai anos para favorecer unha educación máis equitativa e de calidade, promovendo contornas educativas capaces de responder ás necesidades de todo o alumnado autista.
Formación para avanzar cara a unha educación inclusiva
As accións formativas centráronse nas características do alumnado con TEA, nas súas necesidades de apoio e na promoción da accesibilidade cognitiva, abordando cuestións como a organización dos espazos educativos, a utilización de apoios visuais e a aplicación de estratexias que favorezan a participación e a aprendizaxe.
Desde a Federación Autismo Galicia incídese na importancia de comprender que son as contornas educativas as que deben adaptarse ás características e necesidades do alumnado. A estruturación dos espazos, a utilización de apoios visuais, a eliminación de barreiras cognitivas e a adecuación da comunicación constitúen medidas fundamentais para crear centros máis accesibles e inclusivos.
A través destas formacións, o profesorado recibe ferramentas prácticas e asesoramento especializado para identificar necesidades, planificar apoios e promover a participación activa do alumnado na vida escolar.
A accesibilidade cognitiva como ferramenta de transformación educativa
Estas actuacións súmanse ao traballo que a Federación Autismo Galicia vén desenvolvendo mediante os proxectos de accesibilidade cognitiva en contornas educativas, unha iniciativa que nos últimos anos permitiu impulsar melloras en numerosos centros escolares de Galicia.
A experiencia acumulada demostra que a accesibilidade cognitiva beneficia a toda a comunidade educativa, facilitando a comprensión dos espazos, da información e das dinámicas escolares. A adaptación da sinalización, dos materiais e das contornas, xunto coa formación específica do profesorado, contribúe a crear centros máis comprensibles, participativos e inclusivos para todas as persoas.
Neste marco, tamén se desenvolveu formación específica en accesibilidade cognitiva no CEIP Francisco Vales Villamarín de Betanzos, continuando coa aposta da entidade por sensibilizar e capacitar aos equipos educativos para avanzar cara a unha educación baseada no deseño universal e na eliminación de barreiras.
Unha realidade educativa en constante crecemento
Estas accións desenvólvense nun contexto de aumento sostido do alumnado con autismo nas aulas. Segundo o informe elaborado pola Confederación Autismo España a partir dos datos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deporte correspondentes ao curso 2024-2025, en España identifícanse xa 107.977 alumnos e alumnas con TEA, o que representa o 1,30% do total do alumnado non universitario en réxime xeral e o 33,84 % do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo asociadas a discapacidade. Nos últimos catorce cursos escolares, o incremento foi de 88.954 estudantes (467,6 %). Un incremento continuado tanto en nenos 71.324 (474,3 %) como en nenas 17.630 (442,5%).
En relación cos dous últimos cursos escolares (2023-2024 e 2024-2025), produciuse un incremento do alumnado dun 17,52 % (16.100). O incremento porcentual foi lixeiramente superior no caso das nenas, cun 24,62 % (4.270), fronte ao 15,87 % (11.830) rexistrado nos nenos.
O total de alumnado con autismo, tal e como se describiu anteriormente, é de 107.977 alumnos e alumnas, dos cales o 14,56 % (15.717) está escolarizado na modalidade de educación especial e o 85,44 % (92.260) na modalidade ordinaria.
Polo que respecta ao alumnado de educación especial (15.717), o 79,04 % (12.423) son nenos e o 20,96 % (3.294) son nenas. Na educación ordinaria (92.260), os nenos representan o 80,14 % (73.940) e as nenas o 19,86 % (18.320), polo que se observa un menor peso das nenas na educación ordinaria (19,86 % fronte ao 20,96 %) en comparación coa educación especial.
A presenza deste alumnado no ensino non universitario foi incrementándose de maneira significativa nos últimos 14 anos, cun aumento do 467,6 % (88.954 alumnos e alumnas) entre os cursos 2011-2012 e 2024-2025.
A distribución por etapas educativas na modalidade ordinaria amosa que o alumnado con autismo está escolarizado con maior frecuencia nas primeiras etapas educativas, principalmente en Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria, cunha presenza moi reducida en Bacharelato e Formación Profesional, o que pode reflectir situacións de abandono e fracaso escolar.
O alumnado con autismo medra tamén en Galicia
No caso de Galicia, os datos do mesmo curso mostran un total de 5.930 alumnos e alumnas con TEA, dos cales o 93,36 % cursa os seus estudos en modalidade ordinaria (5.536 estudantes), un dos porcentaxes máis elevados de todo o Estado, moi por riba da media nacional (85,44 %). Deles, o 79,17 % son nenos e o 20,83 % nenas.
Ante esta realidade, a Federación Autismo Galicia reafirma o seu compromiso de acompañar aos centros educativos galegos na construción de contornos máis accesibles, inclusivos e preparados para dar resposta á diversidade cognitiva do alumnado.
Archivada en:
Infórmate > Noticias

