Cookies

Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 08/04/2022 | CAMPAÑA X SOLIDARIO 2022. #EmerxenciaSolidaria.

CAMPAÑA X SOLIDARIO 2022. #EmerxenciaSolidaria.

As entidades sociais galegas piden o apoio das persoas contribuíntes na Declaración da Renda. Co recadado na anterior campaña, 141 organizacións de acción social poideron levar a cabo máis de 500 proxectos que beneficiaron de xeito directo a 105.000 persoas. GRAZAS A #XSOLIDARIA a Federación Autismo Galicia e as súas entidades puideron desenvolver programas e proxectos que BENEFICIARON a MÁIS DE 2.255 PERSOAS.

 

 

 

08/04/2022

GRAZAS A #XSOLIDARIA a Federación Autismo Galicia e as súas entidades puideron desenvolver programas e proxectos que BENEFICIARON a MÁIS DE 2.255 PERSOAS.

Hoxe, 8 de abril, as federacións e redes que representamos ao Terceiro Sector galego na loita contra a pobreza e a exclusión social queremos facer unha chamada á sociedade para que, na súa Declaración da Renda, marque o recadro do X Solidario, de Actividades de Interese Social.

Este non é un acto nin unha campaña máis. É un chamamento de auxilio para que a posible menor recadación do Imposto da Renda pola crise económica non poña en perigo a supervivencia de programas e organizacións e que agrave a emerxencia sanitaria e social que estamos a padecer.

Máis que nunca, é necesario contribuír ao funcionamento das entidades que defendemos os dereitos da cidadanía. Somos un servizo esencial que está na primeira liña loitando contra os catastróficos efectos da pandemia polo COVID-19 e da crise económica e social actual da inflación e a guerra de Ucraína, e que o seguirá a facer cando esta remate.

Segundo expresou na presentación da campaña, Patricia Blanco, tesoureira de EAPN Galicia: “ o IRPF abarca unha gran diversidade de programas. Aquí estamos representadas entidades que loitamos contra a pobreza, pola discapacidade e pola infancia, que vimos desenvolvendo todo tipo de actividades como programas de atención temperá, de inserción laboral, de exclusión social, para a atención a mulleres en situación de violencia machista, programas educativos…. abarcamos múltiples eidos, intentando dar resposta ás necesidades sociais que detectamos dende os nosos colectivos”.

O presidente do CERMI Galicia, Luciano Fernández resaltou que “no ámbito da discapacidade estamos a observar un incremento do empobrecemento en xeral. Moitas familias quedaron sen recursos e estamos a ver como se agravan doenzas e se ralentizan recuperacións funcionais que precisan moitas persoas con discapacidade”.

Finalmente, Xesús Vilas, presidente da Plataforma pola Infancia de Galicia, destacou “o aumento dos nenos e nenas que se atopan en risco de exclusión social. As familias teñen cada vez máis problemas para chegar a fin de mes, e iso tradúcese nun incremento das necesidades de moitos nenos, que por desgracia seguirán a incrementarse de non contar cos apoios necesarios”

Como sabedes, cada ano a Administración permite que os e as contribuíntes decidan o destino do 0,7% dos impostos que se recadan mediante o IRPF. Cando alguén fai a declaración da renda ten CATRO alternativas:

  • Marcar o recadro de ‘fins sociais’ (“Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”) e destinar o 0’7% dos seus impostos para que as entidades de carácter social poidan realizar proxectos coas persoas que máis o precisen.

  • Marcar os dous recadros:  ‘Fins sociais’ e ‘Igrexa Católica’ e destinar deste xeito, o 0’7% dos teus impostos a cada un, é dicir un 1’4%.

  • Marcar só o recadro da ‘Igrexa Católica’.

  • Non marcar ningún recadro e que sexa o Estado quen decide o que se fai con ese 0’7%. 

  • Decidir o que queremos que se faga cos nosos impostos é un dereito que non todo o mundo pon en práctica. O noso obxectivo é que a xente marque o recadro e decida.

Marcando o X Solidario, o recadro de ‘Fins Sociais’, NIN pagamos máis NIN imos recibir menos cartos no caso das devolucións e podemos contribuír á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan.

Máis de 12,5 millóns de persoas viven en risco de pobreza a nivel estatal, 694.000 en Galicia. 253.000 destas en pobreza severa. Persoas maiores, sen fogar, con discapacidade, enfermas de cancro, mulleres vítimas de violencia machista, nenos e nenas, desempregadas...

Grazas ás persoas que marcaron o X Solidario, no 2021 141 organizacións de acción social de toda Galicia levaron a cabo mais de 500 proxectos que beneficiaron de xeito directo a un mínimo de 105.000 persoas.

No 2021 conseguimos que case seis de cada dez galegos e galegas marcaran o recadro do X Solidario, oito mil mais que no ano anterior. Recadáronse case vinte millóns de euros, dous mais que no ano anterior.

Se os 610.363 galegos e galegas que non o fixeron marcaran o X Solidario, teríanse recadados case 13 millóns de euros mais.

No 2021, 312.794 contribuíntes marcaron o recadro do X Solidario, 3.099 mais que no ano anterior. Recadáronse 9.256.075€, 231.702,00€ mais que no 2020. Se os 265.607 contribuíntes da provincia da Coruña marcaran o X Solidario, teríanse recadados no 2021 6.630.670€ mais. Un total de 15.886.744€.

A estas persoas nos diriximos especialmente para  lembrarlles que:

  • Marcar o X Solidario non custa nada. Nin pagas máis, nin che devolverán menos.

  • Se xa marcas a casiña da Igrexa, marcando tamén a de ‘Actividades de Interese Social’, poderás axudar o dobre.

Ti decides que o 0,7% dos impostos se destine integramente a programas desenvoltos polas ONG, coa máxima transparencia na súa xestión a través das diferentes convocatorias da Xunta de Galicia: Política Social, Igualdade e Sanidade.  A Xunta de Galicia lle reclamamos unha vez mais que reduza a burocracia o máximo posible e unifique todas as convocatorias nunha soa.

CUN PEQUENO XESTO QUE NON CUSTA NADA, FACEMOS MOITO! Grazas de novo á cidadanía galega por sumarse a esta emerxencia solidaria e garantir que, coa súa axuda, poidamos seguir avanzando.

Archivada en:
Infórmate > Noticias