Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 18/03/2022 | A Lei Xeral dos Dereitos das Persoas con Discapacidade e da súa inclusión social por fin inclúe de forma expresa a accesibilidade cognitiva.

A Lei Xeral dos Dereitos das Persoas con Discapacidade e da súa inclusión social por fin inclúe de forma expresa a accesibilidade cognitiva.

Desde Autismo Galicia e xunto a todo o colectivo, celebramos o recoñecemento legal da accesibilidade cognitiva, que supoñerá sen dúbida unha mellora substancial na calidade de vida e participación en condicións de igualdade das persoas con autismo.

18/03/2022

O Congreso dos Deputados aprobou por unanimidade, e de maneira definitiva, a reforma da devandita lei, para regular esta dimensión da accesibilidade universal, tan importante para moitas persoas con trastorno do espectro do autismo ( TEA).

A accesibilidade cognitiva resulta imprescindible para garantir que as persoas que presentan necesidades de tipo cognitivo poidan comprender as contornas e participar na sociedade en igualdade de condicións. Para favorecela, pódense utilizar distintas ferramentas ou medidas (non só a sinalización), que dependerán das características específicas de cada contorna, da súa funcionalidade e das capacidades cognitivas e sensoriais das persoas que os utilicen.

A reforma foi impulsada polo Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade ( Cermi) e aprobada previamente co respaldo de todos os grupos parlamentarios no Senado, onde foi presentada como Proposición de Lei por Cidadáns. Grazas a ela, inclúese a accesibilidade cognitiva dentro do marco xeral de accesibilidade universal, recoñecendo de forma expresa o dereito das persoas con discapacidade a acceder á información e ao coñecemento da súa contorna e dotándoo de soporte legal e xurídico.

Entre outras cuestións, esta Lei establece os ámbitos, condicións e prazos nos que será esixible, prevé a creación do Centro de Referencia Estatal de Accesibilidade Cognitiva, incluirá esta nova dimensión no Plan Nacional de Accesibilidade e habilitará ao Goberno para abordar distintos desenvolvementos regulamentarios na materia.

Desde AutismoGalicia e xunto a todo o colectivo e Autismo España, celebramos o recoñecemento legal da accesibilidade cognitiva, que supoñerá sen dúbida unha mellora substancial na calidade de vida e participación en condicións de igualdade das persoas con autismo. Pero tamén para a sociedade no seu conxunto, que tamén se beneficiará desta reforma, especialmente colectivos vulnerables como o das persoas maiores ou inmigrantes.

 

Fonte Autismo España

 
Contidos de interese para o colectivo TEA. PROGRAMA DE INCIDENCIA SOCIAL. Proxecto subvencionado pola Xunta de Galicia – Consellería de Política Social.

Archivada en:
Infórmate > Noticias