Cookies

Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 27/10/2021 | Como é a intervención dun terapeuta ocupacional?

Como é a intervención dun terapeuta ocupacional?

Día Mundial da Terapia Ocupacional: coñecendo a Terapia Ocupacional en autismo. Desde o Servizo de Atención Temperá e Estratexias Psicoeducativas de Aspanaes A Coruña, Ángela Monelos Ferreira e Raquel Fernández Díaz, Terapeutas Ocupacionais achégannos información sobre a importancia de intervención do terapeuta ocupacional.

27/10/2021

Celebramos o Día Mundial da Terapia Ocupacional, co equipo de Aspanaes, entidade membro de Autismo Galicia, con máis de 40 anos de experiencia e que desenvolve o seu traballo día a día nas súas residencias, centros de dia, colegos de educación especial e centros de terapia ocupacional.

Desde o Servizo de Atención Temperá e Estratexias Psicoeducativas de Aspanaes A Coruña, Ángela Monelos Ferreira e Raquel Fernández Díaz, Terapeutas Ocupacionais achégannos información sobre a importancia de intervención do terapeuta ocupacional.

Que é TO?

TO son as siglas de Terapia Ocupacional que é, segundo a definición da Organización Mundial da Saúde (OMS), "o conxunto de técnicas, métodos e actuacións que, a través de actividades aplicadas con fins terapéuticos, prevén e mantén a saúde, favorece a restauración da función, suple os déficits invalidantes e valora os supostos comportamentales e a súa significación profunda para conseguir a maior independencia e reinserción posibles do individuo en todos os seus aspectos: laboral, mental, físico e social".
 

Que é TEA?

Segundo o manual diagnóstico DSM-5 da Asociación Americana de Psiquiatría, as persoas con trastornos do espectro autista ( TEA) presentan alteracións no neurodesarrollo que comezan en idades precoces e que persisten en maior ou menor grao ao longo da vida, debido a diferentes causas, en gran parte aínda descoñecidas. Presentan aspectos en común respecto a a clínica do autismo nuclear, con alteracións na comunicación social, patróns de linguaxe-conduta estereotipada e dificultades na área sensorial.
 

Como lle pode axudar un terapeuta ocupacional a un neno con TEA en Atención Temperá (0-6 anos)?

O terapeuta ocupacional realiza o seu labor de avaliación e tratamento nas seguintes áreas ocupacionais:
 
  • Actividades da vida diaria, como pode ser: bañarse, ducharse, control de esfínteres, alimentarse, vestirse, mobilidade funcional, é dicir, todas as actividades relacionadas co coidado do propio corpo.
  • Descanso e soño: creando unha boa rutina para o neno e a súa familia que permita participar de forma adecuada nesta actividade. Preparando unha contorna tranquila, creando rutina antes de durmir e no momento de facelo e orientando á familia en como actuar en cada situación.
  • Educación: Favorecendo a participación do neno nesta área. Adaptando materiais, a contorna e dando estratexias tanto ao usuario como ao centro educativo e á familia para que a participación do neno neste contexto leve a cabo da forma máis proveitosa para el.
  • Xogo: Sendo esta a área ocupacional por excelencia a través da cal aprende o neno, o terapeuta ocupacional favorece a exploración do xogo, a adaptación dos xogos ás necesidades específicas do neno e a participación no mesmo.
  • Participación social: Trabállanse habilidades previas para que o neno adquira as habilidades sociais necesarias para poder participar socialmente na súa contorna, tanto coa súa familia como no centro educativo ou noutros contextos nos que participe (o parque, aniversarios...).
 
Ademais, o terapeuta ocupacional ten en conta aspectos individuais de cada usuario como poden ser: Aspectos relacionados coa motricidade, tanto grosa como fina, o ton muscular, a disociación de partes do corpo, o equilibrio, a integración de ambos os lados do corpo ou cambios de posición.
 
Tamén observa a nivel de membro superior a función do mesmo, é dicir, o alcance obxectos, o desenvolvemento da prensión, a preferencia manual ou a coordinación. A terapia ocupacional tamén ten en conta o procesamento sensorial do neno nas diferentes actividades da súa día a día, como pode ser a organización de estímulos táctiles, propioceptivos, gustativos, olfativos, auditivos e visuais.
 
Ademais terá en conta aspectos perceptivos como a planificación, permanencia do obxecto, imitación, causalidade, habilidades visuoperceptivas, entre outras. Ademais prescribe produtos de apoio ou férulas en caso de ser necesario para favorecer a participación nas actividades, como poden ser cubertos adaptados, engrosador para lapis, adaptación para o baño…
Todo isto dando apoio á familia e aos distintos ambientes do neno identificando as capacidades e necesidades do neno nas distintas contornas.
 

Como é a intervención dun terapeuta ocupacional en Atención Temperá en Aspanaes?

A intervención do terapeuta ocupacional en atención temperá comeza coa avaliación do usuario cando chega a Aspanaes. Nun primeiro momento mantense unha entrevista coa familia que achega información acerca das diferentes áreas de desenvolvemento (habilidades sociais, comunicación, área cognitiva, autonomía persoal e motricidade), as súas preocupacións, as súas expectativas, os seus obxectivos…
 
Ademais da reunión coa familia, trátase de solicitar toda a información posible do colexio ou escola infantil falando cos diferentes profesionais que traballan co neno e que achegarán información curricular, social, emocional, autonomía… e manterase, se é posible, unha comunicación fluída cos diferentes profesionais que poidan traballar co neno e ter unha visión interdisciplinar.
 
De forma transversal farase unha avaliación exhaustiva do neno por medio da observación estruturada, probas estandarizadas e a propia experiencia nas sesións de avaliación onde se coñece ao usuario, os seus puntos fortes e as súas necesidades. Unha vez realizado este proceso, elabórase un informe inicial onde se plasmará toda a información actualizada do neno e os resultados da avaliación para comezar a planificar a intervención. É neste momento onde se fixarán obxectivos xunto coa familia para levar a cabo todo o proceso de intervención.
 
A intervención do terapeuta ocupacional en TEA, como se dixo anteriormente, realizarase nas diferentes áreas ocupacionais e de desenvolvemento tendo en conta os gustos e preferencias do neno, usando actividades motivantes para el, que o terapeuta utilizará para alcanzar os obxectivos específicos expostos. É importante destacar que as sesións de intervención pódense realizar en contexto terapéutico, no contexto familiar (casa) ou na contorna próxima onde haxa máis necesidades de apoio (acompañamento ao parque, por exemplo).
 
Durante esta intervención será fundamental a comunicación coa familia, profesores e profesionais que traballen con el para realizala de forma coordinada e eficaz. Por último realizaranse avaliacións continuas dos obxectivos para ver se se está avanzando, se hai que reestruturar os apoios, se o obxectivo está alcanzado e ver cales son as necesidades reais en cada momento.
 

O terapeuta ocupacional traballa só con nenos?

 
O terapeuta ocupacional acompaña ao usuario en todo o seu ciclo vital dando apoio en cada paso que dá.
 
Podemos atopar ao terapeuta ocupacional tanto no ámbito hospitalario como social, en atención temperá, servizos de promoción da autonomía persoal, centros de día, centros ocupacionais, residencias, programas prelaborais… A día de hoxe estase loitando para incorporar ao equipo interdisciplinar dos colexios, tanto ordinarios como de educación especial, a figura do terapeuta ocupacional para servir de apoio ás persoas con necesidades específicas tanto na súa educación como na promoción da súa autonomía persoal.
 
En Aspanaes, Asociación de Pais de Persoas con TEA da provincia da Coruña, foise incorporando de forma paulatina este perfil profesional ata que a día de hoxe cóntase con terapeutas ocupacionais en todo este ciclo vital. Somos oito terapeutas ocupacionais repartidos entre os servizos de atención temperá, estratexias psicoeducativas, programas prelaborais, servizos de atención diúrna e residencial e esperamos seguir crecendo nun futuro non moi afastado.
 

Angela Monelos Ferreira: Graduada en Terapia Ocupacional pola UDC. Desempeño profesional en Aspanaes, desde o ano 2018. Raquel Fernández Díaz: Dìplomada en Terapia Ocupacional pola UDC. Graduada en Psicopedagoxía pola UNIR. Desempeño profesional en Aspanaes, desde o ano 2011.
 
 

 

 

Archivada en:
Infórmate > Noticias