Cookies

Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 19/08/2021 | O PROXECTO FARMACIA TEATENDE AVANZA NA SÚA ANDAINA, IMPULSADO POLA REUNIÓN ENTRE A FEDERACIÓN AUTISMO GALICIA E MEMBROS DO COFC.

O PROXECTO FARMACIA TEATENDE AVANZA NA SÚA ANDAINA, IMPULSADO POLA REUNIÓN ENTRE A FEDERACIÓN AUTISMO GALICIA E MEMBROS DO COFC.

Federación Autismo Galicia e membros do COFC reuníronse para concretar un punto de partida sobre a accesibilidade cognitiva no contexto das farmacias, cara a sensibilización e a adecuación dos medios e das contornas ao colectivo TEA como a poboación, en xeral.

19/08/2021

O proxecto Farmacia TEATENDE consiste en incidir sobre as barreiras cognitivas e de comunicación coa contorna, que impiden que as persoas con TEA se desenvolvan de forma autónoma nos espazos máis próximos; así como nos servizos de atención a saúde, aos que pertencen as boticas.

Para iso, membros do COFC e responsables da coordinación da área de accesibilidade cognitiva da Federación Autismo Galicia, mantiveron unha reunión o pasado 27 de xullo para a concreción de ideas que darán saída a mostraxe representativa das barreiras de accesibilidade cognitiva na contorna física da farmacia, e das barreiras de comunicación que poden xurdir entre os/as traballadores/as das boticas e as persoas con TEA.

Dende a visión común que engloba o desenvolvemento autónomo das persoas con TEA na súa contorna e na súa farmacia comunitaria, os membros do COFC e a Federación Autismo Galicia están a traballar para detectar as principais necesidades e barreiras presentes tanto na comunicación como no espazo físico das mesmas en canto accesibilidade cognitiva, para avanzar na elaboración de medidas de accesibilidade cognitiva que poderán implantarse nas farmacias.

Para iso, a Federación Autismo Galicia pon a disposición unhas enquisas para a identificación das barreiras en accesibilidade cognitiva na contorna física da botica e das barreiras que poden xurdir na comunicación entre os/as farmacéuticos e as persoas con TEA. Estas enquisas serán exclusivamente para cumprimentar polos/as traballadores/as das farmacias e servirán para detectar as carencias dentro delas entorno ao colectivo TEA.

Un equipo de profesionais especializados en TEA e accesibilidade cognitiva da FAG, valorarán e avaliarán as necesidades dos aspectos referidos á accesibilidade cognitiva. Posteriormente, elaboráranse unha serie de recursos específicos así como adecuacións cognitivas no marco da accesibilidade nas farmacias para a súa difusión e implantación nas mesmas.

A accesibilidade cognitiva, permite que as habilidades adaptables conceptuais, comunicativas, sensoriais e sociais, estean en igualdade de condicións para relacionarse coa contorna e as persoas. Queremos que as persoas con TEA se desenvolvan con autonomía na súa contorna e na súa botica comunitaria, garantindo: unha prestación farmacéutica con especial sensibilidade cara os colectivos que demandan unha atención especial; que garantan equidade, calidade e cohesión no acceso aos medicamentos; e a facilidade á universalización dos servizos asistenciais aos pacientes.

 

A túa colaboración é MOI importante. Axúdanos e participa na enquisa, só son dous minutos!

COBRE A ENQUISA (só para traballadores das farmacias): https://forms.gle/3NfZoXTZkSrx8uR76

 

A Deputación da Coruña financia o desenvolvemento do proxecto para mellorar a accesibilidade cognitiva nas boticas.

Archivada en:
Infórmate > Noticias