Agenda de actividades

© Federación Autismo Galicia | 12/05/2021 | A incapacitación de persoas con discapacidade, suprimida de maneira definitiva.

A incapacitación de persoas con discapacidade, suprimida de maneira definitiva.

Con este cambio lexislativo garántese o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica ou, o que é o mesmo, o recoñecemento da súa igualdade ante a lei, así como a garantía de apoios para tomar decisións sobre as súas propias vidas e exercer os seus dereitos en igualdade de condicións que o resto da cidadanía.

24/05/2021

Centos de miles de persoas con discapacidade son, a partir de hoxe, iguais ante a lei en España.
 
  • O Congreso dos Deputados aproba o Proxecto de Lei polo que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica.
  • Trátase dunha demanda histórica do movemento da discapacidade en España, impulsada polo Cermi.
  • Desde Autismo Galicia secundamos esta reforma, esperando que se contemplen as necesidades de apoio e os recursos suficientes para que as persoas con discapacidade poidan realizar os actos xurídicos de maneira autónoma.
 
Tras o seu paso polo Senado, o Congreso dos Deputados aprobou de maneira definitiva o proxecto de lei polo que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica. Isto significa que se acaba coa incapacitación xurídica das persoas, substituíndoa por un sistema de apoios individualizados para que se lles permita ter plena capacidade de obrar e tomar as súas propias decisións de forma autónoma. 
Impulsada polo Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi), esta reforma é unha demanda histórica do movemento da discapacidade no noso país, que adapta o ordenamento xurídico español ao artigo 12 da Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, que establece a igualdade e non discriminación en canto á capacidade xurídica para este colectivo. 
 
Así, a nova lei elimina as figuras da tutela, a patria potestade prorrogada e a patria potestade rehabilitada, que non promoven a autonomía das persoas adultas con discapacidade, substituíndoas polas axudas e apoios que cada unha precise para que poida levar a cabo actos xurídicos como casar, adquirir un inmoble ou facer un testamento.
 
Desde Autismo Galicia secundamos esta importante reforma, que supón un gran paso para implantar a igualdade xurídica de todas as persoas con discapacidade e, por extensión das persoas con trastorno do espectro do autismo (TEA). 
Con todo, insistimos en que é fundamental que se contemplen as necesidades de apoio que poida ter o noso colectivo, co fin de que dispoña dos recursos suficientes para exercer o seu dereito para realizar os actos xurídicos de maneira autónoma e con plenas garantías.
 

CONSULTA BOE: Ley 8/2021, de 2 de Junio (https://boe.es/boe/dias/2021/06/03/pdfs/BOE-A-2021-9233.pdf) reforma  legislación civil y procesal para el apoyo a las personas con discapacidad en el ejercicio de su capacidad jurídica y modificación de la capacidad de obrar de algunas personas con discapacidad intelectual.

 

Archivada en:
Infórmate > Noticias