Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 12/05/2021 | Aprobación polo Consello de Ministros do anteproxecto de reforma do artigo 49 da Constitución, que pasa ás Cortes.

As persoas con discapacidade pasan a ser as protagonistas do dereito e prohibirase expresamente calquera tipo de discriminación

Día histórico para a discapacidade e o social en España, tras a aprobación, este martes, polo Consello de Ministros do anteproxecto de reforma do artigo 49 da Constitución.

11/05/2021

Aprobación polo Consello de Ministros do anteproxecto de reforma do artigo 49 da Constitución, que pasa ás Cortes.

A reforma desterrará a palabra “diminuídos” que a día de hoxe é “ferinte e non encaixa co modelo social da discapacidade”. É a primeira reforma da Constitución Española de 1978 que ten "clara e netamente un contido social". 
 
Autismo Galicia súmase a Autismo España e ao Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade ( CERMI) e celebra o “día histórico” que para a discapacidade e o social supón o anteproxecto de reforma do artigo 49 da Constitución Española, e que foi aprobado este martes polo Consello de Ministros e que agora pasa ás Cortes Xerais para a súa tramitación parlamentaria. 
 
Trátase de unha xornada transcendental para as persoas con discapacidade e as súas familias en España e tamén para todo o ámbito do social xa que, nos seus máis de catro décadas de vixencia “é a primeira reforma da Constitución Española de 1978 que ten clara e netamente un contido social”. 
 
O obxectivo é  reformular completamente o artigo 49, dedicado ás persoas con discapacidade, que segundo CERMI quedara “ desalineado e anticuado” dada a evolución que experimentou a concepción e o enfoque da discapacidade como unha “cuestión de dereitos humanos”.
 
Segundo o CERMI, o novo artigo actualiza a terminoloxía desterrando a palabra diminuídos que é “ferinte e non encaixa co modelo social da discapacidade”. Con todo, á parte do cambio de nomenclatura, esta reforma “vai moito máis alá” debido a que establece un novo artigo moito máis amplo e integral que cristaliza a visión de dereitos humanos de acordo co marco internacional e europeo, ademais de prohibir expresamente calquera tipo de discriminación.
 
Durante a primeira lexislatura do Goberno de Pedro Sánchez, en decembro de 2018, o Consello de Ministros aprobou o Anteproxecto de reforma do artigo 49 da Constitución, relativo aos dereitos das persoas con discapacidade que contou co apoio de todo o arco parlamentario na Comisión Constitucional, pero que decaeu ao disolverse as Cámaras por unha nova convocatoria electoral.
 
O Goberno anunciou que esta iniciativa sería unha das primeiras medidas tras decaer o Estado de alarma, e así foi. Segundo o presidente de CERMI, Luís Cayo Pérez Bo, “esta reforma situará a España no rango constitucional como un dos países con lexislación fundamental máis avanzada en materia de persoas con discapacidade”. Por iso, Pérez Bo considerouna como “unha boa proposta” que “aínda que pode ser mellorada en certos aspectos no trámite parlamentario, pode ser precursora de futuras reformas de carácter social de máis amplo calado, como a constitucionalización como fundamentais dos dereitos sociais”. 
 
Por último, lembrou a importancia e o gran calado que isto ten para todo o sector social da discapacidade en a historia democrática posto dáse un paso “moi firme e moi decidido” en facer real esa definición que a Constitución vixente ofrece de España como Estado social, democrático e de dereito, “poñendo o acento no social”. 

Convención sobre os Dereitos da Discapacidade

Con este anteproxecto de reforma a Constitución Española actualízase coa Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade de 2006, que supuxo un punto de inflexión no recoñecemento e protección dos seus dereitos. As persoas con discapacidade pasan así a ser as protagonistas do dereito e prohibirase expresamente calquera tipo de discriminación.
 
Recoñécese a obrigación dos poderes públicos de promover a súa liberdade e igualdade real e efectiva. Ademais, haberá de recoñecerse expresamente, e por primeira vez na Constitución, a protección particular que requiren as mulleres e as nenas con discapacidade, por ser un colectivo especialmente vulnerable e discriminado, segundo destaca o Executivo.
 
Desde Autismo Galicia sumámonos a Autismo España e á celebración do CERMI e agradecemos a determinación política do Goberno de aprobar este proxecto e apelamos á alta responsabilidade de todos os actores políticos concernidos para que termine sendo, unha vez aprobado, un gran logro para o país.

 

Archivada en:
Infórmate > Noticias