Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 11/01/2021 | Case 8.000 persoas menores con discapacidade de Galicia quedan exentas do copagamento farmacéutico

Case 8.000 persoas menores con discapacidade de Galicia quedan exentas do copagamento farmacéutico

Esta medida responde a unha reivindicación do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) e do Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia (CERMI Galicia).

08/01/2021

Un total de 7.816 persoas menores con discapacidade oficialmente recoñecidas cun grao igual ou superior ao 33% de Galicia -segundo os últimos datos do  Imserso-  quedan exentas de realizar achegas económicas na prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde desde este 1 de xaneiro de 2021, tal e como dispón a Lei de Orzamentos Xerais do Estado para este exercicio.

Do total de persoas beneficiarias nesta Comunidade Autónoma, 2.810 corresponden á Coruña, 595 á provincia de Lugo, 766 a Ourense e 3.645 a Pontevedra.

Esta medida do Goberno responde a unha antiga reivindicación tanto do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade ( CERMI) como do Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia ( CERMI Galicia) para todas as persoas con discapacidade, e que agora se circunscribe aos menores de 18 anos.

Para o movemento social da discapacidade, esta exención de copagamento supoñerá “un alivio económico para miles de familias que teñen no seu seo a un menor de 18 anos con discapacidade e que se enfrontan a un sobrecusto que poden chegar ao 40 % respecto das familias nas que non hai situacións de discapacidade”.

Segundo explica o  CERMI Galicia, os menores con discapacidade, “precisamente pola súa circunstancia, poden ser consumidores máis intensos de  medicamentes, o cal supón máis gasto nesta prestación, polo que exoneralos de copagamento alixeirará o esforzo familiar, mellorando o acceso a produtos esenciais para o tratamento e curación de enfermidades e patoloxías, relacionadas ou non coa súa discapacidade”.

Archivada en:
Infórmate > Noticias