Cookies

Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 09/12/2020 | I XORNADA DE HUMANIZACIÓN DO SERGAS

I XORNADA DE HUMANIZACIÓN DO SERGAS

O día 3 de decembro, estivemos presentes na I Xornada de Humanización do SERGAS enmarcada no Plan de Humanización “Preto de ti”. Estratexia na que Autismo Galicia participou activamente a través do Consello Asesor de Pacientes do SERGAS.

09/12/2020

A Xornada online reuniu a profesionais das áreas sanitarias da nosa comunidade e organización do Servizo Galego de Saúde, para compartir actuación, experiencias e proxectos entorno á humanización.  

AUTISMO GALICIA e a súa COLABORACIÓN DIRECTA CO SERGAS E A ESTRATEXIA DE HUMANIZACIÓN

Desde hai moitos anos a Federación Autismo Galicia traballa, en coordinación coa súa rede de asociacións, coa Administración sanitaria e cos profesionais da saúde, no deseño e aplicación de medidas para mellorar a atención dos pacientes con TEA e en ser ademais promotores de coñecemento que permita avanzar en moitos dos puntos que agora se recollen nesta estratexia.

Foron anos de conversación efectiva, constante e fluída na que a voz dos pacientes foi tida en conta ata chegar a este momento no que somos parte activa e promotora do cambio que o SERGAS promove.

Neste momento o paciente asume un papel de protagonismo no modelo que se propón, baseado na atención integral onde a persoa valórase como un todo: con necesidades sociais, emocionais, psíquicas e físicas e iso, no noso ámbito, é fundamental, porque un paciente con TEA é unha persoa que demanda un servizo capaz de facer un esforzo por adaptarse ás súas necesidades de apoio, que incorpore medidas de flexibilización e accesibilidade que faciliten o seu uso sen barreiras e por tanto de forma eficaz, un servizo onde existan medidas de adaptación ás persoas e onde se promova a súa participación, como axentes transformadores..

A Federación Autismo Galicia participou no grupo de traballo do Consello Asesor de Pacientes do SERGAS para o Plan de Humanización e sentímonos parte desta estratexia, pero non só por esta participación, senón porque nela reflíctense accións que durante estes anos foron noso propio plan de traballo en saúde para as persoas con TEA.

Durante a xornada presentáronse diversas iniciativas, levadas a cabo nas distintas áreas sanitarias:

Estamos convosco. Clara Olveira Lorenzo, subdirectora de Humanización e Atención a Cidadanía da área Sanitaria da Coruña e Cee, falou das actividades de humanización realizadas na área sanitaria da Coruña coa pandemia como a reorganización asistencial, intervención coas persoas en risco de exclusión social ou a comunicación cos pacientes e na relación familias-pacientes, etc.

O meu paso polo quirófano. Esther Moreno López, médico especialista en Anestesioloxía e Reanimación e Pilar Porta, profesora da aula hospitalaria da área sanitaria de Ferrol, presentaron un conto didáctico para axudar os nenos e nenas no seu paso polo quirófano.  Este recurso o podemos atopar na web: www.portaldalingua.gal

Redefinición do hospital de día oncohematolóxico. Gloria Enríquez Sanjurjo supervisora de Humanización. Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, que explicou as melloras nesta área do Hospital de Lugo para que o paciente se atope máis cómodo.

Operación esperanza. Belén Piñeiro Bóveda, xefa de Servizo de Humanización e Atención ao Paciente da área Sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, falou sobre a súa iniciativa, que se centrou en dar mensaxes dos familiares dos pacientes e facilitar recursos para o tempo libre no hospital a través de prensa, biblioterapia, etc.

Auto Covid-auto escola. José Antonio Fernández López-Abad. Subdirector de Humanización e Atención á Cidadanía. Área Sanitaria de Vigo; que supuxo adaptar a realización de  PCR aos máis pequenos a través da explicación da proba con linguaxe adaptada e participación de GaliClown.

Humanización da área materno infantil. Loreto Casal Arias supervisora de Humanización e Atención á Cidadanía. Área sanitaria de Pontevedra e Salnés; que detallou o acondicionamento de espazos e equipamentos da área para facelos máis accesibles e confortables.

Benestar físico e emocional de mulleres con trastorno do espectro autista na consulta xinecolóxica Beatriz  Pais Iglesias subdirectora de Humanización e Atención á  Cidadanía da área Sanitaria de Santiago e Barbanza, expuxo o proxecto que se desenvolveu con Autismo Galicia e Aspanaes e coa Dra. Cristina González Cea que facilita o acceso á consulta xinecolóxica das mulleres con trastorno do espectro autista a través de un proceso de desensibilización en situacións simuladas no propio contexto hospitalario.

Nesta primeira xornada de Humanización, deuse a coñecer o proxecto máis votado polos equipos de humanización das áreas sanitarias, así como polos representantes das asociación de pacientes e polo equipo da subdirección de Humanización do SERGAS, este foi o traballo do “o meu paso polo quirófano”, da área sanitaria de Ferrol.

Felicitamos a todos os proxectos, e dende Autismo Galicia seguiremos traballando activamente  na colaboración como asociación de pacientes baixo este enfoque de construción conxunta da saúde, máis próxima, afectiva, efectiva e máis accesible.

Archivada en:
Infórmate > Noticias