Cookies

Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 07/12/2020 | Programas de Saúde, atención sanitaria e formación especializadas no 2020

Os programas de Saúde, atención sanitaria e formación especializadas avanzan no 2020 adaptándose á nova realidade.

Programas desenvolvidos pola Federación Autismo Galicia coa axuda do Convenio de Colaboración co SERGAS para o desenvolvemento de actividades de formación, sensibilización e accesibilidade

07/12/2020

Durante este ano, os programas desenvolvidos coa axuda do Convenio de Colaboración co SERGAS para o desenvolvemento de actividades de formación, sensibilización e accesibilidade destináronse de forma especial a mellorar a atención a persoas con TEA en tempo de pandemia.
 
Do mesmo xeito que en anos anteriores o traballo que se desenvolve no marco de colaboración co SERGAS mantivo determinadas liñas de acción que nos levaron a formar a 190 profesionais do ámbito social e sanitario da man de expertos nacionais de recoñecido prestixio e en temáticas de ampla demanda, igualmente mantivéronse campañas de sensibilización ou transferencia de coñecemento como as desenvolvidas nas xornadas sobre a Síndrome de Asperger, con 134 participantes, ou a divulgación da Guía de detección do TEA nas Mulleres ou campañas de promoción da humanización ou accesibilidade do sistema sanitario.
 
Con todo, este ano o envorco da pandemia da COVID 19 levounos a dar prioridade á atención á persoa con TEA no contexto desta nova realidade e desenvolvemos en colaboración coas nosas entidades e concretamente cos equipos técnicos da Asociación Aspanaes da Coruña e Fundación Menela de Vigo, importante material de apoio.
 
Por unha banda, de preparación para a nova realidade sanitaria: identificación e elaboración de procesos accesibles e comprensibles sobre probas sanitarias relacionadas coa COVID 19 ou procesos de incorporación de novos hábitos de vida saudables e habilidades funcionais e, doutra banda, unha serie de vídeos de apoio a persoas con TEA en tempo de confinamento: xogos, saúde, hixiene, deporte.
 
Tamén se desenvolveu a serie Saúde Consellos destinados a persoas con TEA e familias, centrado de forma especial naqueles aspectos da vida e saúde que puideron verse afectados pola situación. Adaptándonos á nova situación xerada, Autismo Galicia puxo en marcha, dentro destes programas, a web INFO COVID AUTISMO GALICIA, un potente recurso ao servizo do público en xeral, profesionais e as familias en particular, onde se deu cabida e recolleu a información actualizada e veraz así como a todos os recursos xerados ao longo do ano.
 
Por último avanzouse de forma especial na mellora da comunicación entre os profesionais da saúde e as persoas con TEA, coa edición da “Guía de Comunicación e atención ao Paciente con TEA” e o vídeo “ Comunícome de carácter divulgativo e formativo onde dúas persoas con TEA da Asociación TRASCOS de Ourense, explicáronnos e manifestado, desde a súa experiencia, a súa opinión para a mellora da comunicación na contorna sanitaria. Todas estas accións tiveron un impacto directo en 2.158 persoas con TEA da nosa rede asociativa e en todas aquelas persoas que recorreron ás nosas canles de información e divulgación: web ou redes sociais.
 

 

 

Archivada en:
Infórmate > Noticias