Cookies

Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 04/12/2020 | Autismo Galicia prentes no encontro telemático convocado por CERMI Galicia no Día Internacional da Discapacidade

Autismo Galicia presentes no encontro telemático convocado por CERMI Galicia no Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade

"Lamentablemente, as persoas con discapacidade son as últimas en notar a recuperación, e as "máis castigadas"

04/12/2020

No encontro CERMI Galicia reclama que as persoas con discapacidade estean presentes na reconstrución social e económica, xa que son as "máis castigadas" ·

Este xoves celebrouse un encontro telemático convocado polo CERMI, no que participou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para reivindicar a igualdade de dereitos e oportunidades para este colectivo.

 
Coincidindo co Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade, a Federación Autismo Galicia xunto as entidades que conforman o CERMI Galicia sumáronse ao manifesto que o CERMI Estatal e a Fundación CERMI Mujeres elaboraron con motivo do Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade (Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2020).
 
Estiveron prentes no acto a presidenta da Federación Autismo Galicia Mercedes Fernández Angulo e a xerente da Federación, Patricia Blanco Riveiro.
 
O Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia ( CERMI Galicia) reclamou este xoves que as persoas con discapacidade estean presentes na reconstrución social e económica, xa que consideran son un dos grupos sociais "máis castigados" pola pandemia, colocándolles nunha "posición de fraxilidade extrema" ante unha emerxencia sanitaria de tales proporcións.
 
Durante o encontro virtual, que foi presentado polo secretario xeral de CERMI Galicia, Carlos Fernández Lamigueiro, a entidade deu visibilidade e agradeciu o labor das traballadoras e traballadores e/ou profesionais das entidades que aglutina actualmente CERMI Galicia através dun vídeo homenaxe.
 
O acto contou coa participación do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; a conselleira de Política Social, Fabiola García; o novo presidente de CERMI Galicia, Luciano Fernández Pintor; e dos presidentes, traballadores e usuarios das doce entidades galegas que forman parte de CERMI Galicia.

Fernández Pintor, durante o seu primeiro acto público como presidente de CERMI Galicia, destacou a presenza do presidente da Xunta nun "día tan sinalado" e agradeceu a presenza e labor de todas as entidades que forman parte de CERMI Galicia. Durante a súa intervención, lamentou as perdas que se produciron durante este ano debido á Covid-19 e puxo de manifesto as especiais dificultades ás que se están enfrontando as persoas con discapacidade neste contexto.

"Este é un ano moi complicado para todos pero especialmente para as persoas con discapacidade. Aínda que esta crise supuxo un reto para todos, para as persoas con discapacidade supuxo un retroceso. Non poder acceder aos recursos educativos ou sanitarios é un verdadeiro problema para as persoas con discapacidade, as súas familias e as entidades que traballamos con eles", apuntou, e quixo destacar "o compromiso social" co que as entidades e as persoas que traballan nelas afrontaron a difícil situación.

Facendo referencia á reconstrución social e económica post pandemia, Pintor sinalou que "lamentablemente, as persoas con discapacidade son as últimas en notar a recuperación" e lembrou que CERMI Galicia sumouse ao manifesto que o CERMI Estatal e a Fundación CERMI Mujeres elaboraron con motivo deste día precisamente reivindicando a presenza das persoas con discapacidade na devandita reconstrución.

Así mesmo, o presidente de CERMI Galicia afirmou que a relación coa Consellería de Política Social é fluída e que esta escoita as súas demandas, pero reivindicou maior "transversalidade da política social en cada unha das consellerías" para garantir unha rede de benestar que chegue á educación, emprego, sanidade, mobilidade, vivenda ou cultura, entre outras, xa que "estas áreas forman parte da vida das persoas con discapacidade como de calquera outra persoa". Por todo iso, sinalou que é "necesaria unha maior participación entre os distintos departamentos do Goberno para poder contribuír á mellora da vida das persoas con discapacidade" e convidou ás Administracións para "realizar o camiño xuntos", sendo esta a "verdadeira inclusión".

 

 

 

Archivada en:
Infórmate > Noticias