Cookies

Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 26/10/2020 | AUTISMO GALICIA lanza enquisas aos comerciantes.

A FEDERACIÓN AUTISMO GALICIA estuda as necesidades dos comerciantes para facer accesibles os seus comercios. E entrevista a Ana Sobrino, xerente da Fundación Santiago Centro.

Están os comercios dotados de medidas de accesibilidade cognitiva que faciliten o acceso e uso dos mesmos ás persoas con TEA? AUTISMO GALICIA lanza enquisas aos comerciantes.

26/10/2020

Seguindo co noso proxecto: “O barrio accesible: comercio TEAtende” para a creación de barrios accesibles a través do establecemento de medidas de accesibilidade cognitiva no comercio de proximidade, é a quenda de que os comerciantes nos trasladen as súas necesidades.

Están os comercios dotados de medidas de accesibilidade cognitiva que faciliten o acceso e uso dos mesmos ás persoas con TEA?

Para dar resposta a esta pregunta, dende a Federación enviamos enquisas aos comerciantes para que nos dean as súas opinións, e poder coñecer así as necesidades que presenten tanto eles como os seus comercios.

Que queremos coñecer con estas enquisas?

As enquisas dirixidas aos comerciantes, enfócanse en dúas cuestións. Por unha banda, queremos coñecer as necesidades que presentan os seus comercios referentes á accesibilidade cognitiva, a través de preguntas como: conta o seu comercio con medidas de accesibilidade cognitiva como a sinalización ou a distribución ordenada dos produtos? Ou, cre que é beneficioso para o seu comercio o establecemento de medidas de accesibilidade cognitiva?

Por outra banda, queremos ter coñecemento das necesidades dos propios comerciantes á hora de establecer unha boa comunicación e  interacción social coas persoas con TEA. Sabería como ter unha mellor comunicación cunha persoa con TEA? É coñecedor de que as persoas con TEA, facen uso do seu comercio?

 

ENTREVISTA A ANA SOBRINO, XERENTE DA FUNDACIÓN SANTIAGO CENTRO, ÁREA COMERCIAL.

Ana Sobrino, xerente da Fundación Santiago Centro, quixo responder a unhas preguntas referentes á accesibilidade cognitiva nos comercios, e a sensibilización dos comerciantes polo colectivo de persoas con TEA, na que da unhas respostas claras e contundentes a favor do comercio de proximidade.

Poden as persoas con TEA facer un uso igualitario do comercio? Cre que os comercios cumpren coas medidas de accesibilidade cognitiva que permitan o acceso de todas as persoas? Por exemplo, atópanse os produtos ordenados? Saben a quen poden preguntar en caso de dúbidas? Os carteis que aparecen nos comercios proporcionan unha información clara e accesible, acompañada de imaxes?

Ana Sobrino: “Responder a esta pregunta de xeito xeneralizado é complicado. Ás veces as características dos pequenos comercios non permiten, pola falta de espazo, distribuír o produto como se desexaría. Pero maiormente si están expostos de xeito ordenado. Tamén, e en comparación con outro tipo de formatos comerciais, se algo caracteriza ao comercio de proximidade é precisamente a accesibilidade: sempre hai a posibilidade de consultar dúbidas, pedir orientación ou solicitar calquera tipo de apoio. Pero cómpre recoñecer que o que non é habitual é acompañar os produtos, por exemplo, de imaxes”.

 

Ve unha actitude positiva nas persoas que traballan nos diferentes servizos e comercios, que favoreza o cambio de cara a un comercio accesible?

Ana Sobrino: “Por completo. Penso que non erro se afirmo que maioritariamente hai unha actitude positiva. O pequeno comercio distínguese por facilitar a interacción persoal coas persoas que entran nas tendas. Seguramente queda moito traballo por facer, pero en termos xerais penso que si hai ese compromiso tanto nos propietarios coma no persoal de atención ao público”.

 

Que medidas de accesibilidade cognitiva ve necesarias nos comercios en xeral?

Ana Sobrino: “Dentro das posibilidades de cada establecemento ocórrenseme medidas como controlar o volume da música ambiental, evitar ruídos fortes ou ambientadores potentes que poidan distraer ou interferir na comunicación verbal, ou promover o etiquetado dos produtos en tipos e tamaños de letra que faciliten a súa lectura”.

 

Que lle gustaría coñecer sobre o TEA, co obxectivo de converter o comercio nun comercio accesible?

Ana Sobrino: Eu penso que todos os comercios agradecerían poder contar cun decálogo básico sobre como interactuar coas persoas con TEA para facilitarlles ao máximo a súa visita ás tendas. Seguramente hai outras medidas sinxelas de implantar, ademais das xa comentadas, que se poderían poñer en marcha.

 

Dende a Federación Autismo Galicia, queremos agradecer a Ana Sobrino, xerente de Santiago Centro, e a todos os comerciantes do comercio de proximidade de Santiago de Compostela implicados co noso proxecto.

O comercio de proximidade é un comercio do barrio. Un comercio no que atopamos produtos da nosa terra, ademais dun trato máis cercano por parte dos comerciantes, sen necesidade de realizar grandes desprazamentos, o que facilita o uso autónomo do mesmo, por parte das persoas con TEA.

 

Archivada en:
Infórmate > Noticias