Cookies

XORNADA CULTURA E AUTISMO

Encontro, debate e experiencias da situación actual da cultura en relación ao TEA.

 

#XornadaCulturaAutismo  INSCRICIÓNS

Desde a Federación Autismo Galicia, levamos desde o ano 1995 comprometidos por ofrecer a especialización e especificidade que as persoas con  TEA  e as súas familias demandan. A través das diferentes entidades que forman  a nosa Federación e grazas a todas as persoas que traballan e colaboran para un obxectivo en común, imos humanizando o mundo.

Entre todos, estamos a integrar a nosa presenza na contorna grazas a unha maior accesibilidade nos espazos de convivencia, os servizos sanitarios, administrativos , educativos, no ámbito laboral e por suposto no eido da cultura con todo o que isto conleva.

A nosa aspiración é chegar tan lonxe como os nosos fillos, fillas e os seus familiares necesiten en todo o traxecto da súa experiencia vital. Por este motivo estamos nun estado permanente de construción de obxectivos, cos que obter unha maior calidade de vida, de servizos, de atención directa, de formación e de participación  cidadá.

O desenvolvemento dunha boa política cultural e os programas que o acompañen, son decisivos de cara a unha mellor calidade de vida da cidadanía e a recoñecer a diversidade nos espazos públicos da cultura.

Estamos aquí para seguir construíndo espazos nos que sumar accións, con todo o armazón social. Somos un grupo de persoas que aspiramos a cambiar o noso pequeno mundo, coa ambición de xerar grandes cambios, garantindo con iso ás persoas con  TEA,  como cidadáns de pleno  dereito en calquera lugar e espazo no que se atopen. E por encima de todo, de lograr esa felicidade formada de múltiples fíos de seguridade, confianza, aceptación e moito amor, que todo ser humano necesita e máis aínda nolos nosos mozos e mozas con  TEA.

 

Actualmente a Federación Autismo Galicia apoia e defende os dereitos de máis de 7000 familias e persoas con  TEA, e conta cunha rede de 15 ENTIDADES, tanto asociacións como fundacións, repartidas por todo o territorio galego, ofrecendo servizos especializados a persoas con autismo e ás súas familias, baixo o compromiso de avanzar na cohesión do colectivo na comunidade.

 

O encontro vai ter lugar na mañá do martes 22 de outubro no Auditorio do CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea), en Santiago de Compostela, de 9:00 a 14:00h.

 

Presenza, Cultura e Autismo.

O programa comeza ás nove da mañá coa chegada ao CGAC e un intre para darnos a benvida antes de dar paso ao auditorio.  Na primeira parte da xornada presentaremos a nova edición da revista Maremágnum, contando coas intervencións de Mª José Álvarez Folgar, presidenta Federación Autismo Galicia, Román Rodríguez González, conselleiro de Cultura e Turismo, Rosario Álvarez Blanco, presidenta do Consello da Cultura Galega, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, Alcalde de Santiago de Compostela, e Cipriano Luis Jiménez Casas, director da revista Maremágnum.

A continuación comezará o turno de conferencias e intervencións o profesor Moisés de Lemos Martins, catedrático da Universidade do Minho, director do Centro de Estudos de Comunicação e Sociedade (CECS) da Universidade do Minho, que fundou en 2001. Doctor en Ciências Sociais na Universidade de Ciências Humanas de Estrasburgo coa conferencia maxistral: “A comunicación e a información na cultura”.

 

E adentrándonos nos espazos que fan activa a integración no eido da cultura o director do CGAC, Santiago Olmo, expoñerá na súa intervención o tema “Un museo aberto: espazo de integración”. Profesor universitario e comisario de exposicións de arte contemporáneo. Desde abril de 2015 é director do Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC), de Santiago de Compostela. Licenciado en Filosofía pola Universidade Complutense de Madrid. Formación en literatura, música, práctica artística e formación teórica.

Falando xa dos programas culturais específicos para persoas con trastorno do espectro do autismo (TEA) participarán Encarna Lago, xestora cultural e funcionaria da Deputación de Lugo como xerente da Rede Museística Provincial de Lugo. Dirixe o Plan Inclusivo da Rede Museística dende1999 integrado no Banco Galego de Boas Prácticas da AGPXC no 2017.O seu modelo de xestión de museos recibiu diversos premios: Crítica de Galicia 2004, Mellor Experiencia didáctica 2009 F. Rosalía, ONCE Solidariedade 2011, Galicia Inclusión 2017 Fundación Anade, Ibermuseos 2017. Boas prácticas en museos e centros de arte MUSACCES en museoloxía social no 2019. E Carolina Casal Chico. Museóloga e Conservadora. Xestora Cultural. Rede de Estudos Medievais USC. Profesora de Historia da Arte do IV Ciclo Campus Terra USC.

 Ambas tráennos o proxecto “Ti en min, eu en ti. Museos con Todxs”

Laura Donis achéganos a experiencia: “Empower Parents. Conquistando espazos comúns”. Directora do Proxecto Empower Parents. Experta en Programas Migratorios e de Cooperación a o Desenvolvimiento. Especialista en Psicoterapia sistémica. Participa en varios Proxectos de Investigación I+D.

 

Tamén contaremos cun espazo de reflexión que mire cara dentro das nosas entidades recollendo e promovendo experiencias culturais nos centros e servizos membros da Federación Autismo Galicia. A cargo de Macarena Blanco Delgado, psicóloga de Fundación Menela. Responsable do Servizo de Diagnóstico e Atención Temperá. E Lidia Reyes Bernal, psicóloga de Asociación Aspanaes. Centros de atención diurna de Castelo e Villestro.

Pecharáse a Xornada coas intervencións da presidenta da Federación Autismo Galicia e o director da revista Maremágnum. Dando paso a un cóctel na compaña da Orquestra Castro Navás, composta por persoas con TEA

 

Inscrición aberta e gratuíta

A Xornada Cultura e Autismo está dirixida a profesionais do ámbito cultural, educativo, da mediación cultural, da intervención social, da reflexión filosófica ou da comunicación, estudantado das mesmas áreas, familiares e persoascon TEA, ao contorno asociativo da discapacidade, e a calquera outra persoa interesada.

A inscrición é aberta e gratuíta ata completar o aforo do Auditorio do CGAC ( Centro Galego de Arte Contemporánea) Para tramitala cómpre cubrir este FORMULARIO ONLINE. E podes consultar o programa e descargalo na páxina PROGRAMA DA XORNADA CULTURA E AUTISMO

 

Presentación da Revista MAREMAGNUM

A Federación AUTISMO GALICIA publica a revista científica  Maremagnum sobre os Trastornos do Espectro do Autismo.

Os seus artigos están elaborados por recoñecidos especialistas relacionados co ámbito do  TEA e vertebrados contorna ao tema exposto. Publícase nunha edición bilingüe debido á súa gran repercusión entre centros, entidades e profesionais do resto de España e Iberoamérica.

Neste numero 23 da revista Maremagnum, invitamos a determinados autores a que as súas aportacións, nos dean conta da cultura observada desde distintos campos en función das súas respectivas competencias, obviamente diversas, pero ao fin e o cabo complementarias. Outros autores, centran a súa colaboración na necesaria transformación cultural e a súa accesibilidade de cara a incorporación a mesma das persoas con discapacidade, no noso caso e de forma especifica, as persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA).

Maremagnum ten unha tirada de 500 exemplares. Tamén se pode acceder a ela a través de internet, na páxina web de Autismo Galicia, coa posibilidade de que os usuarios a atopen facilmente, poidan compartila, opinar sobre ela e mesmo descargala.

 

A evolución da publicación é importante desde o seu inicio, pasando de ser unha revista destinada exclusivamente a familias, con noticias sobre as asociacións e outros temas, a ter un carácter eminentemente científico e formativo que inclúe artigos de figuras especializadas tanto no  TEA como na discapacidade en xeral, enriquecido, nos últimos anos, coas achegas literarias de figuras da cultura galega principalmente, pero tamén nacionais e internacionais. Isto fai de  MAREMAGNUM, unha publicación de referencia para o sector da discapacidade e un produto altamente cualificado e aceptado.

 

 

 

      Imprimir