Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 05/04/2021 | 7 de abril, día Mundial da SAÚDE: Construir un mundo máis xusto e saudable.

7 de abril, día Mundial da SAÚDE: Construír un mundo máis xusto e saudable.

Como parte disto, a Federación Autismo Galicia edita unha guía para os profesionais da saúde que permita ampliar o coñecemento sobre o paciente con TEA, mellorar a atención a través de adaptacións non significativas no contexto sanitario e mellorar a comunicación co paciente con TEAE realiza un video coa colaboración da asociación TRASCOS sobre as necesidades das persoas con TEA, contadas en primeira persoa.

07/04/2021

Hoxe 7 de Abril de 2021, celebrase o día Mundial da Saúde. A Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa como eixe principal de este día e como lema “Construír un mundo máis xusto e saudable”. 

A pandemia puxo de manifesto, máis se cabe, a desigualdade ao acceso a vida saudable e o acceso aos servizos de saúde en igualdade de condición para toda a sociedade. As persoas con TEA teñen máis probabilidades de sufrir as consecuencias adversas como resultado das características da condición e como resultado das medidas aplicadas para conter a pandemia.

Co lema da OMS “ Construír un mundo máis xusto e saudable” pídese aos líderes que garantan que todas as persoas teñan unhas condicións de vida, educación, traballo, etc. que favorezan a boa saúde. Tamén que se faga un seguimento e se actúe ante as desigualdades en materia de saúde, e que todas as persoas poidan acceder aos servizos de saúde de calidade, adaptándose as súas necesidades (accesibilidade cognitiva e sensorial da contorna sanitaria, adaptación no trato e na comunicación, etc) cando e onde o necesiten. 

As persoas con trastorno do espectro do autismo formulan esixencias importantes para os profesionais e para o conxunto do sistema sanitario, cunha frecuencia cada vez maior se temos en conta as cifras de prevalencia: 1 caso de TEA por cada 100 nacementos segundo Autism-Europe Aisbl 2015. Outras estatísticas de referencia, como a do Centro para o Control e a Prevención de Enfermidades (CDC) dos Estados Unidos, no seu último informe publicado en marzo de 2020 verifica unha taxa de prevalencia do autismo en 1 de cada 54 nacidos.

En relación coas dificultades asociadas aos TEA que interfiren na súa relación co ámbito sanitario, debemos ter en conta que estes son trastornos complexos que afectan o desenvolvemento do sistema nervioso e o funcionamento cerebral. As persoas con autismo poden presentar dificultades na comunicación e na interacción coas demais persoas, por ter afectadas as habilidades para comunicarse e para relacionarse. E, na maioría dos casos, esas dificultades aféctanlle á capacidade para anticiparse e para adaptarse ás realidades do contorno, debido aos patróns restrinxidos e repetitivos de intereses, comportamentos, e hipo e hiperreactividade aos estímulos sensoriais. No caso das persoas con TEA, a atención sanitaria resulta complicada, xa que as características propias do TEA poden contribuír a que as alteracións da saúde poidan pasar desapercibidas. Poden ser enmascaradas por exemplo polas dificultades no procesamento de estímulos sensoriais, pola percepción e resposta á dor, e tamén polas dificultades á hora de comunicar os síntomas.

Estas dificultades asociadas aos TEA vense incrementadas, directa ou indirectamente, a todos os niveis da súa vida, e máis concretamente no caso da saúde, cando a elas se suman as barreiras que, para o seu coidado e protección, se asocian ao ámbito sanitario, tanto na prestación dos servizos sanitarios coma no espazo físico no que se ofrecen

Como parte disto, a Federación Autismo Galicia edita unha guía para os profesionais da saúde que permita ampliar o coñecemento sobre o paciente con TEA, mellorar a atención a través de adaptacións non significativas no contexto sanitario e mellorar a comunicación co paciente con TEA. E realiza un video coa colaboración da asociación TRASCOS sobre as necesidades das persoas con TEA, contadas en primeira persoa.

Programa de mellora da asistencia sanitaria a pacientes con TEA

Traballamos nun programa de mellora da asistencia sanitaria a pacientes con TEA. Este programa abrangue accións de incidencia na contorna e contexto sanitaria, para contribuír na atención ao paciente con TEA.  Realiza accións en colaboración co SERGAS na mellora da contorna física das consultas ou espazos sanitarios, anticipación dos procesos na consulta ou probas sanitaria, implementación de medidas que contribúan a comprensión de todo o proceso: dende a recepción ata que abandona a consulta e formación na mellora na comunicación co paciente con TEA e os seus acompañantes.

Contamos co coñecemento sobre a especificidade do TEA, que se basea nas necesidades das persoas con TEA e na experiencia e traballo da rede asociativa e na especialización dos profesionais, sobre as dificultades que poden estar asociadas ao trastorno e as medidas e estratexias que poden axudar, para ter unha mellor atención e comunicación co paciente con TEA.

As necesidades das persoas con TEA no proceso de comunicación nunha consulta quedaron reflexadas nun video no que Cristian e Adrián, rapaces con TEA pacientes do SERGAS e usuarios da asociación TRASCOS, Celeste, a nai dos dous rapaces, Lucía Soto, educadora social de TRASCOS, e Cristina Couto, de Autismo Galicia,  describen ás súas dificultades e inquietudes cando van a realizar unha consulta ou realizar unha proba médica.

Co coñecemento das necesidades e a nosa especialización no TEA ofrecemos a guía subvencionada polo SERGAS de atención e comunicación co paciente con TEA, que consiste en ofrecer orientacións para mellorar a comunicación co paciente nunha consulta sanitaria e facelo de forma práctica e precisa. Tamén é unha ferramenta de consulta para os profesionais da saúde do SERGAS que permite ampliar o seu coñecemento sobre o paciente con TEA e  mellorar a atención a través de adaptacións non significativas do contexto no que se produce a atención e especialmente no proceso comunicativo para unha consulta máis eficaz.

Guía de comunicación e atención ao paciente con TEA

Seguimos traballando e incidindo nas recomendacións para a mellora da atención sanitaria o paciente con TEA, a través de un traballo colaborativo e proactivo entre as entidades que formamos a rede asociativa da Federación Autismo Galicia e os servizos do SERGAS. Agradecemos o apoio que nos prestan no traballo na mellora da atención sanitaria e na difusión do coñecemento entorno o TEA a subdirección Xeral de Atención Primaria e o servizo de coordinación sociosanitaria.

 

Archivada en:
Infórmate > Noticias