Noticias
© Federación Autismo Galicia | 27/03/2023 | Autismo Galicia planifica con Autismo España, Autismo Andalucía, Federació Catalá d'Autisme e Federación Autismo Castela e León, a folla de ruta a seguir do #ProyectoRumbo para os próximos meses
Autismo Galicia planifica con Autismo España, Autismo Andalucía, Federació Catalá d'Autisme e Federación Autismo Castela e León, a folla de ruta a seguir do #ProyectoRumbo para os próximos meses.
O proxecto Rumbo pretende transformar o modelo de apoio á autonomía persoal das persoas con discapacidade, procurando novas solucións que promovan a súa independencia e garantan o seu dereito a vivir na comunidade cos apoios que precisen.
27/03/2023
O Proxecto RUMBO: "cara a un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva" pretende implementar un novo modelo de apoio á autonomía persoal e ao coidado de persoas con discapacidade, especialmente aquelas con maiores necesidades de apoio, mediante a combinación de servizos e recursos, impulsando a vida independente e facilitando formas de vida inclusivas en condicións de seguridade, accesibilidade e benestar.
RUMBO AUTISMO
O proxecto Rumbo Autismo lévase a cabo polas entidades Autismo España, Autismo Andalucía, Federació Catalá d'Autisme, Federación Autismo Castela e León, e Federación Autismo Galicia.
Dentro do marco do autismo, o obxectivo xeral do proxecto é coñecer a situación actual e as necesidades que presentan as persoas adultas no espectro en relación á vida independente e a participación social. Así como, identificar todos os recursos e servizos existentes destinados á vida adulta das persoas con TEA e as súas familias, co fin de analizalos, localizar recursos innovadores e boas prácticas, para finalmente definir e propoñer novos sistemas de apoio.
‘O Proxecto RUMBO: cara a un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva’ é un proxecto que nace da agrupación de 5 grandes Asociacións representativas do ámbito da discapacidade en España (COCEMFE, CONFEDERACIÓN ASPACE, CONFEDERACIÓN AUTISMO ESPAÑA, FEDACE e PREDIF) que expoñen implementar un novo modelo de apoio á autonomía persoal e ao coidado de persoas con discapacidade, especialmente aquelas con maiores necesidades de apoio, mediante a combinación de servizos e recursos, impulsando a vida independente e facilitando formas de vida inclusivas en condicións de seguridade, accesibilidade e benestar.
Esta iniciativa xorde grazas a unha convocatoria do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, a través dos Fondos Next Generation da UE. O obxectivo do Proxecto RUMBO é xerar solucións innovadoras facilitando proxectos de vida independente e participación plena na vida comunitaria a través de solucións tecnolóxicas que permitan a adecuación da vivenda e a súa contorna ás súas necesidades, así como doutros apoios necesarios.
O proxecto RUMBO abordará diferentes accións para a consecución do obxectivo establecido:
- Estudo e detección de necesidades e expectativas dos diferentes colectivos. Revisión e potenciación do servizo de asistencia persoal.
- Deseño e implantación de experiencias piloto, na vivenda propia ou en servizos residenciais para favorecer a autonomía, toma de decisións e vida independente das persoas con discapacidade, especialmente aquelas con grandes necesidades de apoio.
- Incorporación de novas tecnoloxías para favorecer a vida independente das persoas con discapacidade.
- Prestación de servizos terapéuticos sociosanitarios de proximidade Implantación de accións de empoderamento e participación cidadá de persoas con discapacidade.
O PROXECTO RUMBO
Rumbo é un proxecto colaborativo no que participan 5 Confederacións do sector da discapacidade xunto co seu tecido asociativo: COCEMFE, ASPACE, PREDIF, FEDACE e AUTISMO ESPAÑA. Suman un total de 22 entidades, entre as que se encontra a Federación Autismo Galicia, e conta con representación en 5 comunidades autónomas - Andalucía, Aragón, Castela e León, Cataluña e Galicia -.
Está financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 con cargo o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, ligado á súa vez ós fondos NextGenerationEU da Unión Europea.
Encádrase tamén no marco da Estratexia Estatal de Desinstitucionalización, sendo un dos 20 proxectos de experimentación e innovación social que promove o Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.
O proxecto Rumbo centra o seu traballo en 2 campos fundamentais: na investigación e promoción de solucións habitacionais inclusivas e na creación dunha nova carteira de servizos para o desenvolvemento dunha vida activa na comunidade.
Archivada en:
Infórmate > Noticias