Cookies

Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 10/09/2021 | A prevención do suicidio, un reto particularmente difícil nas persoas mozas con autismo.

A prevención do suicidio, un reto particularmente difícil nas persoas mozas con autismo.

No Día Mundial para a Prevención do Suicidio, insistimos na necesidade de atender á saúde mental desde a infancia como principal medida de prevención fronte á ideación suicida.

10/09/2021

Dous de cada tres persoas diagnosticadas de trastorno do espectro do autismo (TEA) na idade adulta contemplan o suicidio nalgún momento das súas vidas.

Así se desprende dos estudos da Dra. Sarah Cassidy, investigadora do proxecto "Saúde Mental en autismo" e profesora da Universidade de Nottingham (Reino Unido). E é que, como apunta Cassidy, "as condutas suicidas son algo común e preocupante nas persoas con autismo", a pesar de ser un asunto pouco estudado.

A continua presión social, tentar enmascarar o autismo para encaixar mellor nos contextos sociais, sentimentos de pertenza frustrados, falta de apoio social ou dificultades para acceder á asistencia sanitaria son algúns dos aspectos que sinalan as persoas con TEA como detonantes destas condutas.

Diso derívase que a prevención e a vixilancia do benestar emocional das persoas con TEA, especialmente ao longo da infancia e a adolescencia, son fundamentais para minimizar este tipo de fenómenos e as súas repercusións a longo prazo.

Outros factores, como a detección e diagnóstico precoz do autismo, a prevención e actuación fronte ao acoso escolar e a axuda ante calquera sinal de alarma, tamén axudan a previr a ideación ou o intento de suicidio.

Promover o benestar emocional das persoas con trastorno do espectro do autismo ( TEA) é fundamental para mellorar a súa calidade de vida.
 
 

Archivada en:
Infórmate > Noticias