Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 29/04/2021 | Cermi Galicia esixe o dereito das persoas con discapacidade a unha vivenda accesible, alcanzable e inclusiva.

Cermi Galicia esixe o dereito das persoas con discapacidade a unha vivenda accesible, alcanzable e inclusiva.

O Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia (Cermi Galicia) esixe o dereito das persoas con discapacidade a unha vivenda accesible, alcanzable e inclusiva como elemento esencial para unha vida independente e participativa.

03/05/2021

Con esta reivindicación Cermi Galicia súmase ao manifesto que o Cermi fixo público con motivo da celebración do Día Nacional da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, que se celebra cada 3 de maio desde que fose establecido oficialmente polo Consello de Ministros en 2019 a proposta do propio Cermi.
 
 
Para conmemorar este día, Cermi Galicia organizou un encontro co director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Chan, Heriberto García Porto e realizará o 4 de maio un acto xunto ao presidente do parlamento galego, Miguel Ángel Santalices Vieira, onde se dará lectura ao manifesto. Neste mesmo día tamén terá lugar unha reunión coa conselleira de Emprego e Igualdade, Maria Jesús Lorenzana Somoza.
 
O obxectivo destes encontros é facer partícipe a organismos públicos e ao conxunto da cidadanía do dereito á vivenda, que Cermi Galicia considera “fundamental” e ao que non poden renunciar as persoas con discapacidade. Neste sentido, Cermi Galicia reclama que a discapacidade sexa tida “moi en conta” na ordenación e aseguramento do dereito á vivenda.
 
E é que, tal e como se recalca no manifesto “toda persoa ten dereito a vivir no seu domicilio co soporte que precisa e pertencendo e participando da súa comunidade”. Desta maneira, tal e como reza o manifesto, Cermi Galicia considera necesario levar a cabo dúas medidas “de calado”.
 
Por unha banda, a aprobación dunha Lei Xeral de Garantía do Dereito Social á Vivenda, así como o aumento do parque público de vivenda, dedicando polo menos o 2% do Produto Interior Bruto (PIB) a asegurar esta finalidade.
 

ACCESIBILIDADE UNIVERSAL

Ademais, fai especial fincapé na accesibilidade universal, que “debe ser a norma que guíe os principios e actuacións das políticas públicas e normativas vinculadas á vivenda, xa que, pola contra, excluirase ás persoas con discapacidade”. Neste sentido, esixe que se adapte o parque construído para garantir que “ningunha persoa quede illada na súa vivenda, recluída por ausencia de condicións de accesibilidade e deseño universais”.
 
En relación a isto, desde Cermi Galicia piden que se resolvan “con urxencia” algunhas demandas, entre as que se atopa a reforma da Lei de Propiedade Horizontal para que as obras e actuacións de accesibilidade sexan obrigatorias para a comunidade de propietarios cando veñan solicitadas por veciños con discapacidade ou maiores de 70 anos, con independencia do seu custo- Tamén esixen que se impulsen reformas para que o Rexistro da Propiedade recolla datos sobre as condicións de accesibilidade dos inmobles, edificios e vivendas, co obxectivo de que os potenciais adquirentes e usuarios con discapacidade ou en cuxa unidade familiar haxa unha persoa con discapacidade, poidan coñecer de antemán esta información tan relevante e facilitar a súa decisión de compra ou arrendamento.
 
Da mesma maneira, avogan pola creación dun Fondo Estatal de Promoción da Accesibilidade Universal e por despregar políticas oficiais e adoptar medidas que proporcionen e manteñan unha oferta pública de vivendas accesibles ao dispor das persoas con discapacidade
 

VIVENDA ALCANZABLE E INCLUSIVA

Desde Cermi Galicia, aseguran que as persoas con discapacidade, en xeral, presentan unha elevada dependencia de instancias alleas á propia persoa, á contorna familiar ou a prestacións ou recursos públicos ou da sociedade civil. Por iso, defenden que sexan considerados como un grupo preferente nas políticas públicas de vivenda, para proporcionarlles solucións habitacionales dignas, adecuadas e libremente elixidas. Igualmente, esixen que se faga efectivo o dereito das persoas con discapacidade a elixir onde, como e con quen vivir, garantindo os apoios que o fagan posible.
 
Neste sentido, avogan por que as políticas sociais e as de vivenda se aúnen para que se produza, mediante estratexias públicas vigorosas, un tránsito a formas de vida inclusiva e independente, que permita a vida na comunidade de pertenza e a participación social das persoas con discapacidade, como, por exemplo, a vivenda colaborativa.
 
Por todo iso, Cermi Galicia considera que a discapacidade organizada e o Terceiro Sector de Acción Social han de ser considerados como “axentes cívicos de referencia na cocreación e cogobernanza das políticas públicas oficiais de vivenda, en todos os seus niveis”.

 

 

Archivada en:
Infórmate > Noticias