Cookies

Noticias 

© Federación Autismo Galicia. | 02/10/2019 | Actividades de Estimulación.

A Federación Autismo Galicia recibe unha axuda extraordinaria para afrontar o impacto económico da actualización do seu convenio colectivo.

Grazas á mesma garántese o mantemento dos servizos e programas postos en marcha para a atención ás persoas con discapacidade do noso país.

02/10/2019

IMPORTANTE ACORDO QUE GARANTE O MANTENEMENTO DOS SERVIZOS E PROGRAMAS DAS NOSAS ENTIDADES

A Federación Autismo Galicia vén de recibir, xunto con outras entidades do ámbito da discapacidade como ASPACE Galicia, COGAMI, Down Galicia, FEAFES Galicia e FEGADACE, unha axuda extraordinaria coa que facer fronte ao incremento do gasto de persoal producido pola actualización do convenio colectivo polo que se rexen estas entidades de discapacidade.

A Federación Autismo Galicia e as citadas organizacións queren agradecer publicamente a culminación, a través da devandita axuda, do proceso de traballo e negociación entre as entidades de discapacidade e a Consellería de Política Social. Grazas á mesma garántese o mantemento dos servizos e programas postos en marcha para a atención ás persoas con discapacidade do noso país.

XV Convenio colectivo xeral de centros e servizos de atención a persoas con discapacidade.

No mes de xullo publicábase o ‘XV Convenio colectivo xeral de centros e servizos de atención a persoas con discapacidade’, polo que se rexen as relacións laborais da maioría das entidades deste ámbito. O novo documento regulador implica, entre outras novidades, un incremento substancial nas táboas salariais que estaban pendentes de actualización dende o ano 2016, e que se aplica con carácter retroactivo a todas as nóminas correspondentes ao ano 2019.

A publicación desta actualización do convenio chegou nun momento no que os orzamentos das asociacións estaban xa pechados e vinculados á execución de múltiples programas, imposibles de suprimir sen nefastas consecuencias na atención ás persoas con discapacidade de Galicia e as súas familias.

Dada a vinculación destes programas tanto a convenios directos como a contratos de prazas coa Consellería de Política Social, desde Autismo Galicia e as entidades citadas comezou un proceso de negociación conxunta coa Xunta de Galicia para procurar solucións que garantiran o mantemento de todos os servizos en marcha, así como de todos os postos de traballo.

O resultado coñeceuse este mes de setembro, coa dotación de 1.539.540,95 de euros para ditas federacións dos 3,6 millóns do total da axuda extraordinaria concedida pola Xunta de Galicia. O próximo obxectivo é a consolidación e inclusión desta achega aos diferentes convenios e contratos que a Consellería outorga a estas organizacións, a través dos cales se contribúe ao financiamento dos recursos de atención a persoas con discapacidade.

Archivada en:
Infórmate > Noticias
Entidades > > FEDERACIÓN AUTISMO GALICIA