© Federación Autismo Galicia | 20/01/2023 | Boas prácticas en accesibilidade cognitiva: as entidades de Down Galicia fan os seus espazos máis accesibles da man de Autismo Galicia
Boas prácticas en accesibilidade cognitiva: as entidades de Down Galicia fan os seus espazos máis accesibles da man de Autismo Galicia.
Deste xeito, Federación Autismo Galicia e as entidades de Down Galicia, embárcanse nun proxecto conxunto, baixo unha mesma visión de mellora social e de reivindicación dos dereitos das persoas con neurodiversidade e dificultades cognitivas, a través do proxecto de mellora da accesibilidade cognitiva nas súas contornas.
Medidas de accesibilidade cognitiva pensadas para todos/as
A accesibilidade cognitiva é un privilexio para toda a sociedade, destinada a facilitar a información que chega da nosa contorna. Por iso, a Federación Autismo Galicia está a colaborar xunto coa Federación Down Galicia, implantando medidas de accesibilidade cognitiva na súa sede de Santiago de Compostela.
Gracias á colaboración entre ambas entidades, o servizo de accesibilidade cognitiva da FAG foi o encargado de realizar unha avaliación da contorna da sede de Down Compostela e Down Galicia. Como resultado desta avaliación de necesidades, implantáronse unha serie de medidas concretas en accesibilidade cognitiva axeitadas segundo as necesidades espaciais da entidade e o perfil das persoas que empregan os espazos.
Deste xeito mellórase o espazo para tornalo máis amable e participativo para todas as persoas que cada día conviven e traballan na entidade Down, que desenvolve a súa labor a través do Servizo de Promoción da Autonomía Persoal para persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.
A accesibilidade cognitiva é unha realidade
Coa modificación da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, o 31 de marzo, coa Lei 6/2022 para establecer e regular a accesibilidade cognitiva e as súas condicións de esixencia e aplicación, instáurase en España un precedente lexislativo para mellorar a participación -en todos os estamentos sociais- de toda a cidadanía.
A accesibilidade cognitiva xa é lei, e dende Federación Autismo Galicia traballamos cara unha sociedade onde as barreiras -físicas, sociais e/ou cognitivas- queden asolagadas polas boas prácticas en accesibilidade. Grazas a entidades como Down Galicia, que se suman ao impulso de accións e estratexias concretas en accesibilidade cognitiva, achegando os recursos e oportunidades á comunidade, e máis concretamente, ás persoas con necesidades cognitivas.
De cara ao futuro
Esta primeira acción na sede de Down Galicia na capital galega, abre as colaboracións a nivel rexional que se levarán a cabo entre Down Galicia e Autismo Galicia. Có fin de continuar instaurando medidas en accesibilidade cognitiva, mellorando así o acceso nos seus centros sociais e impulsando actuacións para a participación equitativa das súas persoas usuarias, ambas federacións traballarán para fomentar as boas prácticas en accesibilidade cognitiva nas entidades Down de Pontevedra, Lugo e A Coruña.
Deste xeito, Federación Autismo Galicia e as entidades de Down Galicia, embárcanse nun proxecto conxunto, baixo unha mesma visión de mellora social e de reivindicación dos dereitos das persoas con neurodiversidade e dificultades cognitivas, a través do proxecto de mellora da accesibilidade cognitiva nas súas contornas.