Cookies

Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 15/05/2024 | A familia a principal fonte de apoio para moitas persoas autistas.

A familia a principal fonte de apoio para moitas persoas autistas.

Coñece os Servizos de Información e Orientación a familias e persoas con TEA da Federación Autismo Galicia e as súa Rede de entidades no territorio galego. Consulta e descarga os distintos recursos e axudas para familias e persoas con autismo.

15/05/2024

O día 15 de maio celébrase o Día Internacional das Familias, unha celebración que foi establecida polas Nacións Unidas en 1993 co fin de remarcar o papel de todas as familias na educación dos fillos desde a infancia. Así mesmo, a ONU tamén recoñece como as familias fóronse transformado ao longo das últimas décadas, alterándose as estruturas das mesmas debido a factores sociais, económicos e demográficos.
 
O Día Internacional das Familias é unha forma de destacar o importante papel que as familias teñen nas comunidades e tamén de exporse identificar e analizar cuestións que afectan o seu desenvolvemento e evolución. A familia é polo xeral a base máis importante para a persoa con TEA.
 
A familia non só é a principal fonte de apoio para as persoas con autismo, senón que tamén desempeña un papel fundamental na súa inclusión social, o seu desenvolvemento e a súa calidade de vida en xeral.
Tras recibir un diagnóstico de Trastorno do Espectro Autista (TEA) dentro da familia, enfróntanse a unha serie de desafíos económicos significativos que impactan na súa capacidade financeira e na súa capacidade de aforro. A necesidade de destinar recursos a terapias especializadas conleva a unha redución da marxe financeira dispoñible. Esta situación adoita levar a que un dos membros da parella diminúa a súa xornada laboral ou mesmo renuncie ao seu emprego para brindar apoio integral ao neno ou adulto con autismo.
 
Doutra banda, moitas familias ven obrigadas a aumentar a súa carga de traballo para facer fronte ao sobrecusto asociado ao coidado e tratamento do membro con TEA. Esta dedicación adicional conleva unha diminución drástica no tempo de calidade que poden pasar xuntos como familia. Como resultado, vólvense máis susceptibles ao esgotamento, o estrés e o illamento social.
 
A disparidade no acceso a recursos de apoio segundo a localización xeográfica tamén é un aspecto crucial. Algunhas familias enfrontan dificultades adicionais debido á falta de servizos especializados nas súas áreas locais, o que pode requirir desprazamentos custosos para recibir atención adecuada. Esta disparidade no acceso a servizos adecuados pode ter un impacto negativo significativo na calidade de vida tanto da persoa con TEA como da súa familia.
Os membros da familia asumen múltiples roles, desde ser defensores incansables e facilitadores do desenvolvemento. Traballan en estreita colaboración con profesionais da saúde e a educación para asegurar que a persoa autista reciba os servizos e a atención necesarios para o seu benestar.
 
Ademais, a familia desempeña un papel activo na creación dun ambiente comprensivo e na implementación de estratexias de apoio no fogar. Isto inclúe a adaptación da contorna para satisfacer as necesidades específicas, así como a promoción da comunicación e as habilidades sociais.
A familia tamén brinda un refuxio emocional. Esta aceptación incondicional e o apoio constante contribúen significativamente ao benestar emocional e ao desenvolvemento da autoestima do individuo.
 
Autismo Galicia insta á necesidade de que se teña en conta a realidade de moitas persoas con TEA e as súas familias e que as políticas sociais e de apoio sexan de calidade, con medidas que lles permitan conciliar a vida familiar e laboral, que eviten situacións de sobrecarga e que incorporen sistemas integrais de apoio.

Servizo de orientación e información a familias e persoas con TEA.

Desde o Servizo de orientación e información da Federación Autismo Galicia realízase, asesoramento e información sobre os itinerarios para a realización do diagnóstico no caso de non habelo, e a posterior valoración, orientación e atención ás necesidades dentro dos servizos da rede de entidades da Federación. Así como información sobre recursos, axudas ou calquera dúbida.
 

Guías e recursos de apoio da Federación Autismo Galicia.

Queremos axudar na medida do posible con apoios ás familias e persoas con TEA desde que reciben na súa familia un diagnóstico coa Guía de apoio Coidamostea
 
E tamén cos trámites e recursos, para paliar a desinformación no máximo posible. Poñemos a disposición das familias recursos sobre a tramitación da discapacidade e dependencia, para que as persoas e familias de persoas con TEA poidan tela á man, entender o proceso e ter información de utilidade: Guia de discapacidade e dependencia
 
Ademais de estes dous recursos, derivados do recoñecemento de ambas existen outro  tipo de axudas ás que se pode optar. Coma a Guía de recursos e axudas para familias e persoas con TEA: GUÍA DE AXUDAS E RECURSOS PARA FAMILIAS E PERSOAS CON TEA
 

Ministerio de Dereitos Sociais Consumo e Axenda 2030

Pola súa banda, no marco desta celebración, o Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030:
Publicou a Guía de axudas sociais e servicios para as familias do Ministerio de dereitos Sociais, dispoñible no siguiente enlace: https://www.mdsocialesa2030.gob.es/derechos-sociales/familias/guia_ayudas_sociales/docs/2024_GUIA_AYUDAS_FAMILIAS.pdf
 
O documento proporciona información de utilidade para familias, enfocándose na mellora da protección social e económica de familias con menores a cargo ou persoas con discapacidade. Asemade, promove o apoio da maternidade e unha contorna favorable para a vida familiar. Ofrece unha actualización sobre como acceder a prestacións específicas, detallando os procedementos e requisitos. Tamén informa sobre axudas estatais en áreas como a seguridade social, emprego, fiscalidade e servizos sociais, educación e vivenda, con enlaces de organismos autonómicos e entidades sociais para ampliar a información sobre axudas en cada comunidade.
 
Actualizou o portal https://familiasenpositivo.org/ , en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), dedicado á promoción da parentalidad positiva, incluíndo materiais e recursos para as familias e profesionais de atención ás familias en relación coa crianza, coidado e educación de nenas, nenos e adolescentes.
 

 
 
 
 

Esta publicación forma parte do Proxecto Axenda de Contidos de interese dentro do Programa de Incidencia Social da Federación Autismo Galicia e forma parte da Estratexia para a Concienciación sobre o Autismo en Galicia.

 

 

Archivada en:
Infórmate > Noticias