Cookies

Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 22/11/2021 | AUTISMO GALICIA FIRMA CONVENIO DE COLABORACIÓN COA UNIVERSIDADE DE VIGO.

AUTISMO GALICIA FIRMA CONVENIO DE COLABORACIÓN COA UNIVERSIDADE DE VIGO.

O acordo, de catro anos de duración e de carácter prorrogable, inclúe a realización de prácticas de estudantes da UVigo na rede de entidades da Federación Autismo Galicia. No eido académico contémplase tamén a posta en marcha de cursos, conferencias, simposios ou seminarios e, a nivel cultural, a colaboración naqueles proxectos que sexan de interese común.

22/11/2021

A Universidade de Vigo e a Federación Autismo Galicia asinaron este luns un convenio marco de colaboración que facilitará o desenvolvemento de diferentes tipos de actividades de xeito conxunto dirixidas, sobre todo, a incrementar a sensibilización social e a loita contra a exclusión das persoas con autismo.

Manuel Reigosa e Mª Mercedes Fernández Angulo admitiron “agardar moito” deste documento.

Estímase que máis de 7 millóns de persoas teñen Trastorno do Espectro do Autismo en Europa, en España máis de 450.000 e, destas, máis de 27.000 son galegas. Para elas o acceso á educación e ao emprego non só son un dereito, senón tamén un factor clave para mellorar a súa calidade de vida. Conscientes desta realidade a Universidade de Vigo e a Federación Autismo Galicia asinaron este luns un convenio marco de colaboración que facilitará o desenvolvemento de diferentes tipos de actividades de xeito conxunto dirixidas, sobre todo, a incrementar a sensibilización social e a loita contra a exclusión das persoas con autismo.

“É obvio que a Universidade pretende ser cada vez máis inclusiva e para nós é moi importante o asesoramento e axuda que a federación nos pode subministrar para que o noso alumnado que teña características deste tipo poida seguir as súas carreiras coas menores dificultades posibles”, explicou o reitor, Manuel Reigosa, intres despois de asinar un acordo que, por parte da federación, asinou a súa presidenta, María Mercedes Fernández Angulo, quen lembrou que na actualidade se estima que un de cada cen nacementos son persoas que van ter un diagnóstico de autismo. “As persoas con autismo poden estudar, levar adiante unha carreira universitaria e tamén traballar na propia universidade, polo que este tipo de convenios son para nós moi importantes”, explicou a responsable de Autismo Galicia.

Intercambio de persoal, prácticas, proxectos conxuntos...

Ademais do asesoramento técnico á Universidade de Vigo por parte da Federación Autismo Galicia en determinados casos complexos que se poidan dar no seo da mesma, a institución académica viguesa porá tamén a disposición da federación “o noso músculo investigador para todas aquelas cousas que a federación considere que podemos levar a cabo”, subliñou Reigosa, ao que engadiu que neste convenio marco xa se estipula como teñen que ser os convenios específicos que permitirán o futuro desenvolvemento de proxectos de investigación, educativos, de cooperación e de presentación conxunta de propostas a diferentes convocatorias de financiamento. “A maiores, hai tamén unha parte de intercambio de persoal que penso que vai ter moito éxito, tanto deles na nosa casa como os nosos na súa, o que vai permitir que se favoreza o coñecemento mutuo e tamén a posible resolución de situacións de dificultade”, indicou o reitor, quen admitiu “agardar moito” deste acordo.

O acordo, de catro anos de duración e de carácter prorrogable, inclúe a realización de prácticas de estudantes da UVigo na rede de entidades da Federación Autismo Galicia, composta por 16 asociacións ou entidades, así como facilitar tamén a realización deste tipo de prácticas na universidade por parte das persoas afiliadas e beneficiarias. No eido académico contémplase tamén a posta en marcha de cursos, conferencias, simposios ou seminarios e, a nivel cultural, a colaboración naqueles proxectos que sexan de interese común, incluídas as actividades de promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes en todos os ámbitos da sociedade.

 

Fuente: https://www.uvigo.gal

 

Archivada en:
Infórmate > Noticias