Cookies

Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 08/10/2021 | O benestar emocional das persoas con trastorno do espectro do autismo (TEA) é fundamental para mellorar a súa calidade de vida.

O benestar emocional das persoas con trastorno do espectro do autismo ( TEA) é fundamental para mellorar a súa calidade de vida.

No día mundial da saúde mental Autismo Galicia pon especial atención no benestar emocional das persoas con autismo.

08/10/2021

A saúde mental é un estado de benestar no que a persoa se dá conta das súas propias capacidades, pode facer fronte á tensión normal da vida, pode traballar de maneira produtiva e pode facer unha contribución á súa comunidade Organización Mundial da Saúde (2013)

Sete de cada 10 persoas con Trastorno do Espectro do Autismo presentan polo menos un trastorno  comórbido de saúde mental ao longo da súa vida.

As condicións de saúde mental concorrente son máis frecuentes na poboación con TEA que na poboación xeral. Os problemas de saúde mental en persoas con TEA ven a miúdo eclipsados polo autismo e é frecuente que se infradiagnostiquen. Con todo, sabemos que dificultades como a ansiedade ou a depresión poden ser tan limitantes como as principais dificultades en TEA, como as sociais e de comunicación.

A atención e avaliación coidadosa de saúde mental é un compoñente esencial nas persoas con TEA e debe integrarse en todos os seus apoios.

 

SE ES UNHA PERSOA CON TEA:

Coñécete: Toma nota daquelo que che fai sentir ben e comparte esta  información coas persoas que che rodean para que tamén o saiban. Pensa sobre:

  • como che gusta que sexan as túas rutinas,

  • como son as túas relacións cos demais,

  • cales son os teus intereses e afeccións,

  • que cousas fas para atoparte ben e coidar de ti mesmo/a,

  • cal adoita ser o teu estado de ánimo e actitude no día a día.

Mantén  a túa  actividade:  Procura  buscar  estímulos  e  entretementos  no teu día a día, non caias na inactividade ou o aburrimento. O exercicio físico, por exemplo, é un importante regulador do benestar.

Procura descansar e ter unha adecuada rutina de sono.

Come ben:  Aínda que  poida que    haxa  certos  alimentos  que  che desagraden, ten  presente que unha boa alimentación é fundamental  para  a túa  saúde e benestar.

Coñece e regula as túas emocións: Non hai emocións boas nin malas,  todas son necesarias para o noso benestar. Non evites sentilas e recoñecelas.

Ponte obxectivos: Ter soños e aspiracións axudarate a manterte feliz no día a día.

Apóiate en persoas que che fagan sentir ben, da túa contorna familiar ou outros ámbitos nos que te desenvolvas (escola, lugares de lecer...).

Divírtete e goza daquelas actividades que che resultan pracenteiras, xa sexa en solitario ou en compañía doutras persoas.

Transforma os problemas en oportunidades.  Non todos os problemas teñen solucións fáciles, pero sempre hai algunha forma de facerlles fronte.

 

QUE NOS DIN OS ESTUDOS

Diversos estudos atoparon estimacións de prevalencia concorrente co  TEA do 28 % para o trastorno de déficit de atención con hiperactividade, 20 % para trastornos de ansiedade; 13 % para trastornos soNo-vixilia, 12 % para trastornos disruptivos, de control de impulsos e de conduta; 11 % para trastornos depresivos; 9 % para trastornos obsesivo compulsivo; 5 % para os trastornos bipolares e 5 % para a esquizofrenia ( Lai, MC, Kassee, C.,  Besney (2019) Outros factores atopados nestes estudos, son os relacionados con traumas e factores de tensións, trastornos  aditivos e relacionados con substancias e  disforia de xénero.

Mellorar o benestar emocional das persoas con TEA é fundamental para mellorar a súa calidade de vida. Para iso, debido á pouca investigación, é necesario seguir realizando estudos sobre a vulnerabilidade das persoas con TEA e sobre as condicións do contexto non adaptado ás súas necesidades, que poden afectar á súa saúde mental. Ademais, debemos poñer tamén atención ao benestar emocional das familias de persoas con TEA.

A investigación está a dicirnos que os familiares de persoas con TEA teñen niveis de tensións superiores, en comparación a familias doutras persoas con discapacidade.

A pesar da realidade, apenas existen medidas e investigación sobre a prevalencia, práctica e intervencións adecuadas, nin está contemplada no Sistema Nacional de Saúde a través unha boa coordinación socio-sanitaria.

Por iso e xunto ás necesidades emerxentes derivadas da crise do COVID-19 é necesario o desenvolvemento, implementación e avaliación dun conxunto amplo de medidas, entre as que están unha atención e intervención multidisciplinar, e unha formación especializada en TEA que permita a valoración destas comorbilidades, que respondan as necesidades en materia de saúde mental que presentan as persoas con TEA.

Co obxectivo de contribuír a esta dimensión tan relevante da calidade de vida, Autismo España elaborou unha serie de recursos e materiais que profundan en que é importante para promover o benestar emocional das persoas no espectro do autismo, especialmente durante a súa infancia e adolescencia.

 

Para calquera consulta na Federación Autismo Galicia contas con:

UNHA REDE DE SERVIZOS PARA PERSOAS CON TEA 

UNHA REDE DE SERVIZOS PARA FAMILIAS

Para máis información non dubides en consultarnos. Chámanos ou ponte en contacto  NESTE FORMULARIO.

Archivada en:
Infórmate > Noticias