Cookies

Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 17/02/2021 | Día internacional da Síndrome de Asperger. Entrevista a Rita González Fernández, Presidenta de Asperga.

As persoas con Asperger son un potencial activo para as empresas: Entrevista a Rita González Fernández, Presidenta de Asperga.

Educación e emprego son medios clave para a inclusión social. As persoas con discapacidade e en concreto os homes e mulleres con TEA son dos colectivos con maior dificultade á hora de acceder ao mercado laboral. Fai espazo a diferenza, a diversidade, fai espazo as persoas con TEA. #HAZEspacio

17/02/2021

A diversidade existe e dentro desa diversidade están as persoas con autismo. Rita González Fernández, Presidenta de Asperga

 

Entrevista da periodsta Ana Belén Fernández.

A síndrome de Asperger (SA) é un trastorno de orixe neurobiolóxico enmarcado dentro dos Trastornos de Espectro do Autismo (TEA). Os sinais de alerta pódense detectar desde idades temperás e as súas características maniféstanse ao longo de toda a vida do individuo, cunha importante variabilidade en función dos apoios que reciba e das súas propias estratexias de compensación adoptadas. As principais áreas de alteración para as persoas con esta síndrome son a relación social, a comunicación e a inflexibilidade mental e/ou comportamental.

ASPERGA, a Asociación Galega de Asperger, naceu hai quince anos, cando un grupo de familias con fillos con síndrome de Asperger (SA) decidiron implicarse e traballar xuntas co obxectivo de lograr para eles un futuro de verdadeira inclusión social, un futuro máis xusto. Desde o nacemento da asociación ata hoxe coñeceuse que a síndrome Asperger forma parte dos trastornos do espectro do autismo (TEA), sen dificultade no lenguaxe e sen discapacidade intelectual.

Todo o mes de febreiro é mes do Asperger e o 18 celébrase o Día Internacional da Síndrome de Asperger que ten como lema #Hazespacio #Faiespazo.

Falamos con Rita González Fernández, Presidenta de Asperga.

O obxectivo de xornadas así é que se dean conta os demais, non só as persoas e familias afectadas. Consíguese?

É moi difícil, non hai empatía. Estas persoas esfórzanse a diario porque o resto da sociedade inclúaos no seu mundo, pero non as inclúe en igualdade de condicións. Si, sempre hai quen se preocupa por eles, pero a nivel xeral non hai comprensión. Isto tamén ocorre porque o Asperger non é un trastorno visible, e non ves máis aló. Esa falta de autonomía que teñen eles ou esa falta cognitiva non se ve como un problema, vense como persoas con condutas estrañas que non foron ben educadas para comportarse en sociedade; e non é así, esa é a súa forma de ser dentro do que é o Asperger.

Vendo o comportamento e falta de sensibilidade de moita xente co coronavirus, algo que afecta a todos, parece difícil pensar que nesta sociedade nos van preocupar os demais?

Levamos 15 anos loitando con isto, con visibilizar a situación. As persoas con Síndrome de Asperger son as máis autónomas de todo o Espectro do Autismo, e por iso é que non contamos co mesmo apoio da administración que organizacións que se dedican a traballar con TEA de apoio 2 e 3, quedando fóra dos concertos sociais, de sanidade ou educación.  Hai moitas carencias a nivel social, educativo e sanitario. Temos que seguir loitando.

Onde hai que facer un maior esforzo? No eido educativo?

No eido educativo e laboral. Antes de chegar á adolescencia ou idade adulta, dalgún modo, hai máis protección. Os Centros Educativos deben velar porque se cumpran os principios de normalización e inclusión; equidade, igualdade de oportunidades e non discriminación.

Non hai persoal para traballar con estas persoas, as administracións non poñen da súa parte. Están privando ás persoas con TEA dunha educación que é vital para o seu futuro. Non hai unha educación de calidade  e a que hai é precaria porque non hai axudas específicas para eles. Moitos docentes non se preocupan de coñecer esas características especiais que teñen as personas con TEA. Teñen que formarse e daríanse conta das aptitudes que teñen estas persoas.

Que estades botando en falta?

Ademais de maior formación e o que acabamos de comentar, exames adaptados, entregar resumos dos temas…  Sempre falamos dos dereitos dos profesores e os deberes das familias e os alumnos, pero tamén é a inversa. Estas persoas teñen dereito a unha educación de calidade, o que supón unha vontade de servizo.

A educación é un dereito, os docentes fan caso omiso ao Protocolo de Tratamento Educativo do Alumnado con Trastorno do Espectro Autista (TEA), deberían ser conscientes e preocuparse por coñecer as características do seu alumnado para intervir téndoas en conta e prestando atención non só ao desenvolvemento intelectual, senón tamén ao desenvolvemento afectivo, social e moral.

E a nivel laboral que reclamades? Máis axudas para contratar a persoas con Asperger?

Non cabe dúbida de que o emprego é unha medio clave para a inclusión social. As persoas con discapacidade e en concreto os homes e mulleres con TEA son un dos colectivos con maior dificultade á hora de acceder ao mercado laboral. Hoxe en día existe máis compromiso por parte das empresas en ofrecer oportunidades de emprego ás persoas con discapacidade, pero aínda queda un longo camiño por percorrer para lograr a igualdade no acceso ao emprego. Existe un gran descoñecemento sobre as competencias e aptitudes laborais das persoas con TEA na sociedade. As empresas descoñecen o valor que poden achegar estas persoas na súa desempeño laboral.

Que momento vive Asperga na actualidade e como se enfronta a pandemia entre as persoas con Asperger e os seus familiares?

Seguimos loitando polo futuro das persoas con Asperger e a súa inclusión na sociedade. Contamos con profesionais especializados que fan un traballo multidisciplinar, poñemos o foco nas persoas para que as súas necesidades sexan satisfeitas e poder vivir unha vida o máis feliz posible. Somos un punto de referencia que conta con case 250 socios.

Co confinamento e a desescalada por mor do coronavirus desenvolvemos un plan de acción para axudar ás familias nos distintos procesos. Seguimos traballando en liña, utilizamos os beneficios desa posibilidade. En xeral, as familias levárono ben, pero si houbo casos de persoas nas que apareceu a frustración á hora de encaixar as limitacións ou os cambios de rutina.

Repítese o slogan da pasada campaña. A que lle teriamos que facer espazo?

Na educación e no emprego, onde dáse máis discriminación, facerlle espazo á tolerancia e á diversidade. Cremos que hai diversidade e que non imos caer no erro, pero ocorre, cando chega o momento non o entenden. Estas persoas necesitan unha inclusión real na sociedade que non se dá porque non hai respeto. Sen respeto é imposible manter unha liña de tolerancia na vida dos demáis.  Facerlle espazo á diferenza.

 

Proxecto subvencionado pola Xunta de Galicia – Consellería de Política Social.

Proxecto subvencionado pola Xunta de Galicia – Consellería de Política Social

Archivada en:
Infórmate > Noticias