Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 13/09/2023 | Vegalsa-Eroski e a Federación Autismo Galicia colaboran polo emprego inclusivo

Vegalsa-Eroski e a Federación Autismo Galicia colaboran polo emprego inclusivo

A compañía galega de distribución alimentaria formaliza un convenio coa Federación para promover a inclusión laboral de persoas con TEA nos seus establecementos. A Federación asesorará á compañía en materia de formación e sensibilización sobre o colectivo de persoas con TEA.

13/09/2023

Promover a inclusión laboral das persoas con trastorno do espectro do autismo (TEA), este é o principal obxectivo do convenio de colaboración formalizado hoxe entre a compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski e a Federación Autismo Galicia, de man do director de Persoas da compañía, Francisco Duarte, e a presidenta da Federación, Mercedes Fernández Angulo. No acto de sinatura, celebrado esta mañá no supermercado Eroski Center de A Choupana (Santiago de Compostela), estiveron arroupados pola xerente da Federación, Patricia Blanco Rivero, e a técnica encargada do Programa de Emprego, Marta Ibáñez Pascual, así como Jorge Martínez e Andrés Covelo, en representación das persoas con TEA da Federación.

Plantillas máis diversas

“A diversidade é parte integrante da política de xestión de persoas en Vegalsa-Eroski. Apostamos por políticas laborais inclusivas que nos permitan enriquecer ao máximo os nosos equipos, convencidos de que a pluralidade de ollos contribúe á excelencia. Con acordos coma estes, buscamos conformar plantillas diversas que se corresponda coa sociedade na que vivimos”, indicou Francisco Duarte, director de Persoas en Vegalsa-Eroski. Pola súa parte, Mercedes Angulo:

“Dende a Federación Autismo Galicia desenvolvemos varias liñas de traballo dirixidas a mellorar a capacitación das persoas con TEA para o acceso ao mercado laboral.

As persoas adultas con TEA como membros activos da sociedade na que viven, teñen dereito ao emprego, o cal implica un medio para acadar un maior nivel de autonomía económica, unha plena participación e inclusión social, realización e desenvolvemento persoal e, en definitiva, unha mellor calidade de vida.

As persoas con TEA queren e poden traballar, e cos debidos apoios, posúen competencias que lles permiten realizar traballos de calidade eficientes e competitivos. Estamos encantadas de ter a posibilidade de colaborar conxuntamente, así como compartir experiencias e boas prácticas, todo iso coa finalidade de facilitar o acceso ao emprego das persoas con TEA."

A inclusión laboral deste colectivo levarase a cabo a través dos programas de empregabilidade da compañía, dos seus programas de prácticas e dos procesos de selección para diferentes postos de traballo, así como a realización de talleres de emprego entre ambas entidades. O acordo, en vigor desde o día de hoxe, permitirá a Vegalsa-Eroski contar coa experiencia e o coñecemento da Federación Autismo Galicia en materia de formación, orientación e inserción das persoas con TEA. Para iso, a Federación porá á disposición da compañía de distribución alimentaria a bolsa de emprego da que dispón, a través das súas entidades federadas, asesorando e orientando a Vegalsa-Eroski en todo o proceso.

A compañía, pola súa parte, compartirá coa Federación as súas liñas de actuación en materia de emprego a través dos seus programas de traballo e de prácticas, informando das súas ofertas de emprego, vacantes e procesos de selección activos para a súa rede de tendas e plataforma de mercancías xerais en Galicia.

Inclusión, un pilar fundamental da política de RSE

Con este tipo de accións, Vegalsa-Eroski contribúe á inclusión e á empregabilidade das persoas naquelas áreas nas que ten presenza, aspectos que se encadran na estratexia de RSE da compañía fundamentada en tres eixos prioritarios: sustentabilidade local e medioambiental, ámbito social e saúde.

Para iso porá á disposición da entidade o seu programa de emprego e prácticas, informando das súas ofertas de traballo e vacantes ademais de procesos de selección activos.

O servizo de emprego da Federación Autismo Galicia

O servizo de emprego da Federación Autismo Galicia está aberto a todas aquelas persoas con TEA que desexan incorporarse ao mercado laboral pero precisan de apoios e recursos para logralo.

QUE FACEMOS?

  • Ofrecer formación prelaboral e capacitación para o emprego.
  • Ofrecer formación adaptada ás necesidades específicas e capacidades do colectivo en contacto co ámbito empresarial.
  • Ofrecer información e orientación laboral especializada en persoas con TEA-
  • Sensibilización e implicación do tecido empresarial en relación ao colectivo e as súas potencialidades para o emprego.

MATERIAIS DE CONSULTA

 

 

 

Archivada en:
Infórmate > Noticias