Cookies

Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 23/09/2022 | PEREGRINOS DA FUNDACIÓN MENELA DO PROXECTO “XACOBEO AUTISMO: UN CAMIÑO DE TODOS” FINALIZAN O CAMIÑO DE SANTIAGO.

PEREGRINOS DA FUNDACIÓN MENELA DO PROXECTO “XACOBEO AUTISMO: UN CAMIÑO DE TODOS” FINALIZAN O CAMIÑO DE SANTIAGO.

O colectivo do Autismo da a benvida na Praza do Obradoiro ao grupo de persoas con Trastorno do Espectro do Autismo da Fundación Menela na súa peregrinaxe, grazas ao programa “O Teu Xacobeo” da Xunta de Galicia. 

 

23/09/2022

Hoxe, rapaces e rapazas do Centro de adultos Castro Navás da Fundación Menela, investidos como peregrinos, finalizan o Camiño de Santiago gracias ao programa “o teu Xacobeo”.

O fixeron arroupados polo colectivo do autismo da Federación Autismo Galicia, e dúas das súas entidades Aspanaes e Apacaf, na compaña do Director Xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, o Concelleiro responsable de Educación, Xuventude e Políticas Lingüísticas, Rubén Prol Mariño, a presidenta da Federación Autismo Galicia, Mercedes Fernández Angulo e o Director Xeral da Fundación Menela, Cipriano Luis Jiménez Casas.

O Director Xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, recibiu esta mañá na praza do Obradoiro aos usuarios do centro de día e residencial Castro Navás, do que é titular a Fundación Menela, que realizaron o Camiño de Santiago desde Pontevedra. Durante o acto agradeceu a esta entidade o seu traballo diario por demostrar que unha sociedade máis igualitaria é posible.

A presidenta da Federación Autismo Galicia, Mercedes Feranádez Angulo, declarou

"Foi un camiño de información, de sensibilización e de formación, que quixo achegar e dar a coñecer a condición das persoas con Trastorno do Espectro do Autismo así como os servizos, programas e axudas que existen para mellorar a súa vida e a das súas familias.

Cada kilometro e cada paso é un reto na vida das persoas con autismo, persoas que teñen moito que achegar, e esta iniciativa é toda unha comprobación no camiño da accesibilidade, no camiño dun lecer inclusivo en que todos e todas podamos gozar desta experiencia."

"O Camiño é algo que todo o mundo lembra sempre, pero para as persoas con autismo supón coñecer lugares que non imaxinaban, vivilo dunha maneira extraordinaria, moito máis intensamente que calquera persoa, e á súa vez superando moitas das súas barreiras, o que entraña unha aprendizaxe e vivencia única!

Estes peregrinos e peregrinas están a facer historia, máis aló das súas necesidades de apoio, están a poñer o seu granito de area, para que moitas máis persoas poidan ver os seus valores e as capacidades que poden achegar á nosa sociedade. O gran desafío que conleva participar de maneira activa na sociedade, favorecendo a súa autodeterminación, ocupando o seu sitio e defendendo os seus dereitos de maneira activa."

'Xacobeo Autismo. Un Camiño de todos' é unha iniciativa promovida pola Fundación Menela que se enmarca dentro do programa ‘O teu Xacobeo’ da Xunta de Galicia para a dinamización do Xacobeo 21-22 e que contou, un ano máis, có apoio e colaboración do Concello de Nigrán.

Xacobeo Autismo. Un camiño de todos preséntase como unha reedición do proxecto executado ao abeiro das dúas anteriores convocatorias do programa ‘O teu Xacobeo’. Nelas un grupo de 20 rapaces e rapazas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) do Centro de Día e Residencial Castro Navás, do que é titular Fundación Menela, realizaron o Camiño de Santiago na súa variante do Camiño Portugués da Costa de A Guarda a Nigrán, 2019, e de Nigrán a Pontevedra, 2021.

"Autismo, Inclusión, Diversidade, Participación, Accesibilidade e Visibilidade" son as palabras que, sen dúbida, mellor definen o proxecto, según o director xeral da Fundación Menela, Cipriano L. Jiménez Casas, quen tamén destaca os valores de esforzo e superación de cada unha das persoas que participa neste proxecto, así como o goce dunha experiencia compartida como a que se vive durante o Camiño.

Esta terceira edición transcorreu por cinco etapas que enlazan as cidades de Pontevedra e Santiago de Compostela entre os días 19 e 23 de setembro de 2022; Barro, Caldas de Reis, Padrón e O Milladoiro foron os nosos puntos de pernocta.  Unha peregrinación na que estiveron acompañados polos seus monitores e monitoras, compañeiros de viaxe e, sen dúbida, os mellores apoios para facilitarlles a posibilidade de gozar da experiencia, emocións e os valores humanos e sociais, culturais e espirituais do Camiño.

No marco desta experiencia, Fundación Menela contribuíu a construción dunha sociedade máis igualitaria para todos mellorando a accesibilidade do Camiño de Santiago. O fixo mediante a colocación de preto de 400 pictogramas, apoios visuais que facilitan a comprensión do entorno a persoas con TEA e outras dificultades de comunicación, en Casas Consistoriais, albergues e Centros de Saúde. Nesta última edición lle sumamos tamén a Casa Museo de Rosalía de Castro en Padrón. O agradecemento e recoñecemento o labor que desenvolveron os profesionais da Área Sanitaria de Vigo durante a pandemia vivida por mor da COVID-19, foron accións que enriqueceron o proxecto.

 

Archivada en:
Infórmate > Noticias