Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 10/05/2023 | O profesional da pedagoxía, o especialista en educación na intervención e diagnóstico do autismo.

O profesional da pedagoxía, o especialista en educación na intervención e diagnóstico do autismo.

O día 13 de Maio é o día Internacional da Pedagoxía, e dende a Federación Autismo Galicia queremos dar visibilidade a esta profesión de peso na educación e na ensinanza. O pedagogo/a é unha peza fundamental durante o proceso diagnóstico como no desenvolvemento da intervención da persoa con autismo. Campaña  #DiagnósticoAutismo

 

10/05/2023

DO PAIDAGOGO GREGO Á PEDAGOXÍA DE HOXE

A palabra pedagoxía, provén da palabra grega “Paidagogeo”, e componse de “paidos” –que significa neno/a- e “ágogos” –que significa que é o que conduce ou guía-. Maila que o termo de pedagoxía procede da Antiga Grecia, garda similitudes etimolóxicas coa actual. Na actualidade, no diccionario da Real Academia Española a pedagoxía defínese, como a ciencia encargada do estudo da educación e da ensinanza.

Se partimos da acepción da Grecia clásica de pedagoxía, observamos que defire moito da que acostumamos a acuñar nos nosos días. Xa que os profesionais da pedagoxía son os especialistas na educación, e na época Clásica os paidagogos eran os escravos encargados de levar aos nenos/as ao colexio. Con esta pequena reflexión, podemos arrancar a dicir que os “paidagogos” da Antiga Grecia, foron os primeiros pedagogos da historia.

Hoxe en día, o nicho laboral dos/as pedagogos/as enmárcase como expertos en procesos educativos e de formación ao longo da vida, tanto en contextos sociais, educativos como sanitarios. Esta figura profesional, intervén nos procesos diagnósticos e de intervención aportando unha ampla área de competencia que vai dende o screening de probas obxectivas, avaliación de procesos ou metodoloxías, entrevistas e anamneses, valoración de escalas, informes de diagnose e avaliación, etc.

O DIAGNÓSTICO NO AUTISMO

O diagnóstico en autismo, determinase a través dun proceso de observación, unha análise moi completa do comportamento da persoa mais unha anamneses no ámbito familiar e sanitario (e/ou social, se a persoa xa ten un contexto social amplo) para coñecer a súa historia ao longo dos anos. De xeito paralelo, o diagnóstico estará fundamentado tamén, nun abano de probas diagnósticas (xerais e específicas)  que axudarán a determinar o perfil avaliativo para enmarcar e detectar os trazos do autismo.

As características comúns das persoas con autismo son que presentan dificultades en dúas áreas principalmente: na comunicación e interacción social, e a flexibilidade de comportamento e de pensamento. A pesar de que é durante os primeiros 3 anos onde -máis frecuentemente- comeza a detección da condición de autismo, o diagnóstico pode chegar ao longo das diferentes etapas da vida, xa que é unha condición -non unha enfermidade- que estará presente durante todo o ciclo vital da persoa.

Hai que ter en conta que non todas as persoas adquiren e reforzan as habilidades comunicativas e de pensamento do mesmo xeito, polo que é fundamental a labor do profesional da pedagoxía (ou psicopedagoxía) para poder detectar ditas necesidades que presenten os/as usuarios/as. Unha metodoloxía baseada na atención directa do usuario/a e da familia, e por medio dun acompañamento na intervención do usuario/a, o pedagogo/a (ou profesional da psicopedagoxía) traballa intrinsecamente na mellora das capacidades e habilidades propias das persoas.

O ROL DO PROFESIONAL DA PEDAGOXÍA NO PROCESO DIAGNÓSTICO MULTIDISCIPLINAR

Durante a elaboración dun diagnóstico ata chegar ao resultado final, interveñen diferentes perfís profesionais ligados a varios campos da intervención socioeducativa. Todos eles aportan experiencias dende as diversas áreas de coñecemento; todas elas necesarias e complementarias para a determinación e análise dun diagnóstico en autismo o máis global e integrador posible.

Por tanto, comprendemos que o enfoque multidisciplinar á hora de realizar un diagnóstico, favorece un abano de visións profesionais máis amplo e que pode abarcar mellor todos os aspectos e características propias nas que as persoas con autismo poden ter afectación ou dificultade –en maior ou menor medida-.

O caso da figura do pedagogo/a dentro do proceso de diagnóstico ou intervención en caso de sospeita de autismo, resulta indispensable. A súa participación estará supeditada polas necesidades que presente o usuario/a avaliado (atendendo sempre aos aspectos comunicativos, de relación, de cognición e de flexibilidade) para determinar de xeito personalizado tanto a metodoloxía a empregar na intervención, e os materiais de avaliación e screening obxectivos para a diagnose. 

Na avaliación diagnóstica, o rol do pedagogo/a consistirá en levar a cabo as probas e entrevistas pertinentes, para a recollida de datos e análise posterior dos mesmos. O pedagogo/a é o profesional leva o meirande peso durante o proceso de diagnose, xa que o seu ámbito de actuación pasa por avaliar: a cognición, os procesos atencionais, a conduta, a fala e expresión, o nivel de lectoescritura e comprensión de textos, relacións familiares, autoimaxe ou percepción persoal, psicomotricidade, e un largo etc. Polo que terá que establecer vínculos e relacións tanto entre a familia, como no contexto sociosanitario do usuario/a (centro de ensino, hospital, centro de saúde, concello...etc.).

O pedagogo/a, xunto con o resto de profesionais implicados no proceso diagnóstico, será o encargado de emitir o informe diagnóstico e –en conxunto con o resto de profesionais: psicólogo, logopeda, terapeuta ocupacional, psicomotricista, fisioterapeuta, etc.- determinar a diagnose específica e a pauta de intervención recomendada.

Logo da avaliación diagnóstica, a figura do pedagogo/a é a encargada da intervención personalizada para o suxeito, adaptándoa tanto as necesidades e características do mesmo/a, como as referencias para o traballo –individual ou grupal- reflectidas no informe de avaliación ou diagnóstico.

No caso de persoas con dentro do espectro, o pedagogo/a será o encargado de emitir informes de seguimento ou avaliación e as intervencións cotiás (entrevistas, funcións executivas, resolución conflitos, área comunicativa, etc.) tendo coma principal obxectivo: a mellora do usuario/a nas súas competencias comunicativas, relacionais e de flexibilidade ou rixidez cognitiva, no seu día a día.

O rol do pedagogo/a en todo o proceso de diagnóstico, así como na intervención, en autismo, é vital, xa que atende ao perfil dunha figura de referencia, de contexto laboral amplo, e que o vai acompañar ao longo de todo o seu proceso de desenvolvemento e mellora persoal.

A avaliación e intervención por parte de todos os perfís profesionais que conforman a intervención multidisciplinar, axudarán ao desenvolvemento da persoa, cara unha mellora na calidade de vida, maior independencia e adquisición de ferramentas socioemocionais. Recordemos que cada persoa é diferente, e como tal, cada intervención e diagnose, será axeitada e individualizada antes, durante e logo do proceso de diagnóstico –en concordancia e parello coas indicacións e intervencións de todos os perfís profesionais participantes no proceso-.

 

 

 

O deseño desta campaña foi realizado pola Federación Autismo Galicia e forma parte da Estratexia para a Concienciación sobre o Autismo en Galicia.

Subvencionado pola Xunta de Galicia -Consellería de Política Social e Xuventude - a través das subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7% do Imposto sobre a renda das personas físicas (IRPF).

 

 

Archivada en:
Infórmate > Noticias