© Federación Autismo Galicia | 17/11/2023 | A Federación Autismo Galicia participa na elaboración do - Manual de boas prácticas para a inclusión sociolaboral de persoas vulnerabilizadas - e no Simposio para a Inclusión Sociolaboral organizado por EAPN Galicia
A Federación Autismo Galicia participa na elaboración do - Manual de boas prácticas para a inclusión sociolaboral de persoas vulnerabilizadas - e no Simposio para a Inclusión Sociolaboral organizado por EAPN Galicia
Case 600 persoas, entre elas persoas da Federación Autismo Galicia, recibiron formación no Programa Integrado para o Fomento da Empregabilidade de Persoas Vulnerables 2022-2023. Autismo Galicia tamén participou no Simposio para a Inclusión Socialaboral organizado por EAPN Galicia, e na creación do Manual de Boas Prácticas, con propostas de mellora das políticas públicas para que os programas de inclusión sociolaboral sexan eficaces
Un total de 538 persoas completaron o itinerario formativo do Programa Integrado para o Fomento da Empregabilidade de Persoas Vulnerables 2022-2023; e delas, 245 acadaron a inserción laboral. É dicir, obtívose unha taxa de inserción do 46%, que duplica amplamente os obxectivos comprometidos inicialmente, que eran dun 20% de inserción.
Así se puxo de relevo na presentación do balance do programa, no trascurso do Simposio “A inclusión sociolaboral das persoas vulnerabilizadas: mellora das políticas públicas para erradicar a pobreza e a exclusión”, celebrado na Cidade da Cultura, organizado por EAPN Galicia coa colaboración da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, e inaugurado pola presidenta de EAPN Galicia, Ana Pardo; o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado; e o secretario xeral técnico de Promoción do Emprego e Igualdade, Alberto Fuentes.
Na programacón do simposio, participou tamén Pablo Muñóz da entidade Aspanaes da Fderación Autismo Galicia, na mesa de Inclusión sociolaboral en primeira persoa, dando a coñecer a súa experiencia na practicipación neste programa.
O Programa Integrado para o Fomento da Empregabilidade de Persoas Vulnerables foi desenvolvido no periodo 2022-2023 por 14 entidades do Terceiro Sector de Acción Social, TSAS, coa coordinación de EAPN Galicia e co financiamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e do Ministerio de Traballo e Economía Social, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
A implicación conxunta, por primeira vez, de 14 entidades do Terceiro Sector galego traballando en rede pola inclusión sociolaboral e a metodoloxía aplicada, cun enfoque integral, individualizado e totalmente centrado na persoa, foron determinantes para o éxito dos resultados obtidos no programa.
Autismo Galicia participa na investigación e creción do "Manual de boas prácticas para a inclusión sociolaboral de persoas vulnerabilizadas".
En Galicia hai 635.000 persoas en risco de pobreza ou exclusión, unha parte das cales están en situación de poder traballar e motivadas para facelo con contratos e condicións dignas. Ao obxecto de demostrar que é posible a inserción laboral das mesmas, levouse a cabo unha investigación, coincidindo co desenvolvemento do programa, orientada a identificar boas prácticas, a partir da experiencia e do enfoque das entidades na execución deste tipo de programas, con propostas de mellora das políticas públicas para que os programas de inclusión sociolaboral sexan eficaces.
Como resultado, redactouse o Manual de boas prácticas para a inclusión sociolaboral de persoas vulnerabilizadas, presentado hoxe no simposio, que determina as condicións necesarias para que os programas de inclusión sociolaboral resulten exitosos, debendo basearse en procesos individuais e integrais, a medio e longo prazo, nos que se teñan en conta os factores persoais, familiares e sociais en paralelo ás medidas específicas de formación de acceso ao emprego. O Manual resume as súas achegas no Decálogo titulado “O emprego é un dereito, non unha obriga”, que se inclúe ao remate desta información.
Amais do Manual de Boas Prácticas e do balance de resultados do programa, o simposio completou os seus contidos con varias mesas redondas nas que participaron tanto persoas usuarias que contaron as súas experiencias, como representantes das empresas implicadas, das administracións e das entidades do TSAS.
O simposio foi clausurado a última hora da mañá pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; e o presidente do Consello Económico e Social, Manuel Pérez.
DECÁLOGO: O EMPREGO É UN DEREITO, NON UNHA OBRIGA
- As persoas que poden traballar teñen dereito a un emprego digno, estable e de calidade
- As persoas que non poden traballar, sexa de forma temporal ou permanente, teñen dereito a unha vida digna
- Os programas de inclusión sociolaboral han de estar centrados nas persoas, cun enfoque integral e interdisciplinario, e procesos a medio ou longo prazo
- A desigualdade de xénero no emprego e a feminización da pobreza requiren enfoques políticos integrais e sostidos
- Cómpre un firme compromiso social e político para combater os estereotipos, prexuízos, discursos de odio e aporofobia que afectan ás vidas das persoas
- A mellor política social non é o emprego: cómpre abordar o resto das dimensións da pobreza e a exclusión
- Cómpre rematar coa burocratización extrema que impide o acceso a dereitos básicos para unha vida digna
- É fundamental a participación das persoas vulnerabilizadas no deseño, implementación e avaliación das políticas públicas en xeral e de inclusión sociolaboral en particular
- É necesario o traballo en rede entre as entidades do terceiro sector, as administracións públicas e as empresas
- E terceiro sector de acción social desempeña un papel fundamental no apoio á inclusión sociolaboral das persoas vulnerabilizadas
#UnhaVidaDignaUnEmpregoDigno