© Federación Autismo Galicia | 12/09/2023 | Profesionais de xestión das entidades de Autismo Galicia analizan a situación e a folla de ruta a seguir na xeración de proxectos e servizos para promover unha vida adulta independente das persoas con autismo.
Profesionais de xestión das entidades de Autismo Galicia analizan a situación e a folla de ruta a seguir na xeración de proxectos e servizos para promover unha vida adulta independente das persoas con autismo.
Este é un dos foros de discusión que se está levando a cabo no marco do Proxecto Rumbo no que Autismo Galicia participa, xunto con Autismo España e tres Federacións máis: Autismo Andalucía, Autismo Castilla y León e Federació Catalana d’Autisme.
O obxectivo xeral deste traballo é coñecer a situación actual e as necesidades das persoas adultas con TEA en relación á Vida Independente e a Participación na Sociedade, así como a elaboración dun modelo de atención que promova e garanta a resposta a estas necesidades.
Para iso, contamos con representantes das diversas entidades que conforman a Federación, entre as cales estiveron presentes: Apacaf, Trascos, Aspanaes, Fundación Menela, ASPERGA e Por Eles TEA. Aportando a súa visión como axentes clave na xestión de servizos e na prestación de apoios ás persoas con autismo e ás súas familias.
Neste encontro, os profesionais de xestión trataron e estiveron debatindo sobre os distintos recursos, servizos e proxectos dedicados á vida independente e á autonomía persoal das persoas adultas con autismo existentes na actualidade, así como, a sostibilidade económica dos mesmos, os recursos humanos e as barreiras e dificultades detectadas. Os profesionais coinciden en poñer en valor o traballo e experiencia adquirida durante anos nesta área e comentan as perspectivas e expectativas de cara o futuro.
O fin último desta iniciativa é deseñar novos modelos que respondan ás preferencias e diferentes realidades das persoas no espectro do autismo, para acadar o dereito a dispoñer dunha vida independente e participativa, en especial para aquelas persoas cunhas necesidades de apoio máis extensas.
Agradecemos a boa disposición e o tempo dedicado a todos os participantes nesta labor de identificar a realidade actual e as principais demandas do colectivo, que nos permitirá impulsar e promover políticas públicas que avancen na consecución dos seus dereitos e na mellora da súa calidade de vida.
Participa no Proxecto Rumbo
Se es unha persoa autista con 16 anos ou máis, podes participar neste Estudo de Investigación respondendo a estes cuestionarios . A túa opinión é moi importante para transformar a situación actual.
¿Que é o Proxecto Rumbo?
O “Proxecto Rumbo: cara un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva” é un proxecto colaborativo no que participan 5 Confederacións do sector da discapacidade xunto co seu tecido asociativo: COCEMFE, ASPACE, PREDIF, FEDACE e AUTISMO ESPAÑA. Suman un total de 22 entidades con representación en 5 Comunidades Autónomas: Andalucía, Aragón, Castela e León, Cataluña e Galicia.
A Federación Autismo Galicia, como socia de Autismo España, é a entidade executante do proxecto no noso territorio, en colaboración coa Federación Autismo Andalucía, a Federación Autismo Castilla y León e a Federació Catalana d’Autisme.
Está financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 con cargo ó Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, ligado á súa vez ós fondos NextGenerationEU da Unión Europea.
O proxecto busca dotar de novos modelos de vida independente e participación na sociedade ás persoas con discapacidade, especialmente a aquelas con máis necesidades de apoio.
Sabemos que a dificultade de acceso á vivenda, a falta de servizos adecuados na comunidade, a escaseza de apoio técnico e recursos de asistencia persoal, son a realidade actual e supoñen os principais retos ós que nos enfrontamos como entidades.
As persoas con TEA buscan levar unha vida plena, con oportunidades, relacións e cunha participación activa na comunidade, na que a vivenda desempeña un papel fundamental. Contar cun espazo propio, un fogar adaptado ás súas necesidades é un dereito básico recollido no artigo 19 da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade.
O Proxecto Rumbo, é un proxecto innovador e ilusionante, que vai traballar para dar resposta a unha das principais preocupacións do noso colectivo e das súas familias.