Cookies

Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 05/10/2021 | Dia Mundial dos profesionais Docentes. Autismo Galicia agradece a inmesa labor dos docentes e educadores de toda a rede de entidades.

Dia Mundial dos profesionais Docentes. Autismo Galicia agradece a inmesa labor dos docentes e educadores de toda a rede de entidades.

Agradecemos o labor do profesorado de alumnado con autismo para favorecer o seu desenvolvemento persoal, participación e benestar emocional, lembrando a importancia da formación específica en TEA para facilitar a cada estudante os apoios que necesite. E lembramos a publicación da Revista Maremágnum EDUCACIÓN E AUTISMO.

05/10/2021

Dende a Federación Autismo Galicia queremos facer un recoñecemento ao traballo, profesionalidade e compromiso educativo, dos docentes e educadores da nosa Rede de Entidades.

O Dia Mundial dos Docentes, agradecemos o labor do profesorado de alumnado con autismo para favorecer o seu desenvolvemento persoal, participación e benestar emocional, lembrando a importancia da formación específica en TEA para facilitar a cada estudante os apoios que necesite.

Hoxe lembramos a publicación da Revista Maremágnum EDUCACIÓN E AUTISMO, na que se recollen artigos de profesionais no eido da educación e o papel do docente nas aulas.

Nesta edición Cipriano Luis Jiménez Casas, psiquiatra e psicanalista, e director xeral da Fundación Menela comenta no seu artigo A REDOR DA EDUCACIÓN E O AUTISMO

“O mestre atopase diante do desafío de trazar, cada día, un novo camiño dese imposible de educar. Para que naza un “si” o saber, para que haxa unha adhesión real da persoa con autismo que aprende, o educador debe intentar entrar na lingua do alumno, a lingua “que se di” en palabras, pero tamén en xestos e no paso o acto (acting out).

Educar é intentar imprimir mediante as palabras –proferidas polos pais e os educadores–as regras mínimas de convivencia e querer gobernar as pulsións, a chamada “libido indomable”.Tarefa imposible! Sempre hai algo que escapa o dominio do “gozo da pulsión” por medio da linguaxe. Só é educable quen sufriu a falta operada pola linguaxe. É, pois, a falta a que facilita que o outro (sexan os pais ou os educadores),  faga valer a súa influencia propoñendo os seus modos de satisfacción.

Non todo é educable. O individuo atopa un límite o saber e a pretensión de totalidade fai obstáculo para os efectos educativos.

A través das normas e prohibicións o educador provoca unha substitución, unha renuncia do neno a súa pulsión. En compensación, o educador promete algunha satisfacción substitutiva que induce a persoa con autismo a buscar a súa satisfacción por vías socialmente aceptables. Esta operación de “sublimación” dá conta do desprazamento da pulsión, da satisfacción salvaxe a outra mais valorizada socialmente.

A educación é tanto “unha orde” como “un ordenamento do lazo social”, un modo de socializar o gozo a través dunha renuncia que permite o vinculo cos outros. O educador, mais ca un mestre do saber, é ante todo un mestre do desexo.”

 

Ana Mª Rodriguez Díaz, profesora do Centro Educativo Menela de Vigo, no seu artigo AUTISMO: MÁIS ALÓ DA EDUCACIÓN, fálanos da labor dos docentes e educadores e da complexidade do seu traballo.

“Precísanse coñecementos especializados e unha sensibilidade especial para darse de conta da lóxica desas condutas tan idiosincráticas e prestarlles toda a nosa atención. Descifralas e comprendelas vai ser a única maneira de penetrar no mundo interior do neno. Non é tarefa doada, aínda que extremadamente importante.

Moitas desas condutas peculiares foron construídas por eles mesmos, para protexerse do caos que tanto sufrimento lles xera. Son barreiras de protección. Non se trata, polo tanto, como antigamente, de educar para reducir os síntomas, senón de escoitar ao neno e tratar de entender o rol que compre no seu equilibrio emocional. Só despois imos poder tratar de substituír esas condutas por outras, coa mesma eficacia, pero máis descifrables e menos perigosas para el mesmo e/ou os demais. Son persoas, persoas de relación, e só cando logremos o vínculo con eles poderán darnos o “seu consentimento para aprender” con nós.”

“En realidade, todos necesitan moita excelencia nos profesionais e nos seus pais, necesitan que os coñezamos e comprendamos ben, que pensemos desde “o seu interior” para poderlles dar a educación que lles permita verdadeiramente reforzar as súas relación sociais.

A súa educación axeitada afástase a miúdo do que establecen os currículos ordinarios e debe apuntar cara ás habilidades e coñecementos que poidan facer para eles que a súa vida teña máis calidade.

O modelo que ten que ver e orienta as nosas formulacións é o modelo de calidade de vida. Ese modelo busca a felicidade presente e futura de cada alumno con autismo e que, para iso, pon o acento en áreas ou habilidades como a autodeterminación, as relación sociais e a comunicación.

O relevante non son os recursos que teñamos senón o que facemos con eles e cara a onde os usamos: cara a resultados persoais ou cara a fitos do currículo?”

 

Aproveitamos tamén para agradecer o traballo dos docentes e educadores que se desenvolve a través dos Convenios de colaboración coas entidades que atenden á diversidade do Alumnado promovidos pola  Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración coas entidades, e asociacións. Así como os Contratos Programa e Plan Proxecta, que a citada Consellería publica anualmente unha convocatoria para promover o desenvolvemento nos centros docentes de plans para a mellora do éxito escolar do alumnado.

Ofrecendo para levar a diante os nosos proxectos educativos, instrumentos de apoio aos centros para que, dentro da súa autonomía, os  nosos centros poidan desenvolver un plan de mellora no que se poida, en función das necesidades detectadas e do proxecto educativo.

 

Para calquera consulta na Federación Autismo Galicia contas con:

UNHA REDE DE SERVICIOS PARA PERSOAS CON TEA 

UNHA REDE DE SERVICIOS PARA FAMILIAS

Para máis información non dubides en consultarnos. Chámanos ou ponte en contacto  NÉSTE FORMULARIO.

Archivada en:
Infórmate > Noticias