autismogalicia.org

  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size
  • Español
  • Galician (Galego)

Autismo España e Autismo Galicia manifestan o seu absoluto rexeitamento á celebración da conferencia “3 debates sen cesura”.

Correo-e Imprimir PDF

Reiteramos a necesidade de non promover nin divulgar información sobre supostas terapias que prometan a mellora ou curación do trastorno do espectro do autismo, que poden supoñer un grave risco para a saúde das persoas con  TEA e para a súa calidade de vida.

O próximo 27 de abril ten previsto celebrarse na Coruña un acto de apoio a Josep  Pàmies, baixo o título “3 debates sen  cesura”.

O acto consiste en tres charlas: Leite; natural, industrial ou ningunha?, MMS panacea ou  bulo? e Vacinas, obrigatorias, seguras…?, co obxectivo de dar apoio a este agricultor que xa foi sancionado pola Generalitat de Catalunya por difundir terapias baseadas en substancias ilegais e daniñas para a súa utilización en persoas.

 

Desta maneira, e como fixemos en anteriores ocasións, manifestamos o noso máis absoluto rexeitamento a este tipo de actuacións e pedimos ás autoridades e administracións públicas competentes que fagan todo o posible para evitar que teñan lugar, debido ao grave prexuízo que supoñen para o colectivo de persoas con trastorno do espectro do autismo (TEA) e as súas familias.

O autismo é un trastorno de base  neurobiológica que, a día de hoxe, non ten curación. Como recolle o documento de Posicionamento sobre “Intervencións sen evidencia contrastada”  que se elaborou conxuntamente coa Asociación Española de Profesionais do Autismo ( AETAPI), as únicas abordaxes e intervencións  recomendados a nivel nacional e internacional para o tratamento do  TEA son de carácter  psicoeducativo, orientados a potenciar puntos fortes e a proporcionar apoios que favorezan o desenvolvemento persoal, a inclusión social e a calidade de vida das persoas con  TEA e das súas familias.

 

Por iso, a intervención dirixida ás persoas con  TEA debe estar sempre baseada na evidencia e conxugar o coñecemento científico coa experiencia e o consenso profesional, así como cos intereses e dereitos das propias persoas con este tipo de trastorno e as súas familias.

Tendo en conta estes argumentos, denunciamos que charlas como as que se propoñen no evento que denunciamos só contribúen a xerar falsas expectativas nas familias fronte aos resultados dos tratamentos existentes, facéndolles vulnerables a situacións de potencial abuso como esta. Neste sentido, non podemos apoiar o uso do  clorito de sodio para fins terapéuticos, nin de ningunha outra substancia ou tratamento similar que basee a súa promoción en atractivas promesas de curación, recuperación ou mellora inmediata das manifestacións do  TEA.

 

A nosa posición baséase na Orde emitida pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios.

Declara o clorito de sodio como medicamento ilegal e ordena a súa retirada do mercado. De maneira expresa, estableceu que: “este produto, cando se consome seguindo as instrucións dadas polos seus defensores, produce efectos adversos que poden ser graves. O  clorito de sodio, en solución  acuosa e cando se administra nas condicións indicadas, transfórmase en ácido  cloroso que se degrada a dióxido de cloro. Todas estas substancias teñen unha acción  oxidante forte, e o seu consumo directo nesas condicións pode producir dor abdominal, náuseas, vómitos, diarrea, intoxicacións, fallo renal e  metahemoglobinemia”.  No mesmo sentido pronunciouse o Instituto de Investigación de Enfermidades Raras, pertencente ao Instituto de Saúde Carlos III, en 2016, no informe que emitiu a petición da Asociación Española de Profesionais do Autismo ( AETAPI) .

 

Por todo iso, insistimos na necesidade de non promover, apoiar ou divulgar supostas terapias que prometan a mellora ou curación do autismo e que, como estas, poidan poñer en grave risco a saúde das persoas con  TEA.

 

Este tipo de prácticas son claramente fraudulentas e só contribúen a xerar desconcerto sobre os tratamentos avalados pola evidencia e a embazar o labor dos profesionais cualificados que traballan cada día para mellorar a calidade de vida das persoas con  TEA.


Este sitio utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se non cambia a configuración do seu navegador, Vostede acepta o seu uso. + INFO.