Logotipo de la Federación Autismo Galicia

Autismo, ¿que é?

 

Leo Kanner, en Estados Unidos, e Hans Asperger, en Austria, describiron en 1943 uns cadros clínicos que hoxe se inclúen nos denominados Trastornos do Espectro Autista (T.E.A.). Ao longo dos anos transcorridos dende entón, a comprensión e a clasificación destes trastornos foi modificándose en función dos achados científicos.

 

Na actualidade, o Autismo concíbese como un trastorno neuropsiquiátrico, de causa descoñecida e que se presenta como unha ampla variedade de expresións clínicas, que son o resultado de disfuncións multifactoriais do desenvolvemento do Sistema Nervioso Central.

 

Nos últimos anos incorpórase o termo Trastornos do Espectro Autista (T.E.A.); nel resáltase a noción dimensional dun “continuo” ou conxunto de dimensións alteradas. O conxunto de capacidades que se ven afectadas son a interacción social, a comunicación e a imaxinación. Esta semellanza entre todas as persoas con autismo, non é incompatible coa diversidade do colectivo: diversos trastornos, diversa afectación dos síntomas clave; dende aqueles casos asociados á discapacidade intelectual marcada a outros con alto grao de intelixencia; dende uns vinculados a trastornos xenéticos ou neurolóxicos a outros nos que aínda non somos capaces de identificar as anomalías biolóxicas subxacentes.

 

O autismo non é unha enfermidade.

 

Hoxe por hoxe non ten cura, o que implica que a persoa con Autismo vai requirir dunha atención nun contorno protexido, ou supervisión ao longo de toda a súa vida. Agora ben, cunha educación axeitada, un apoio da familia e dos profesionais e unha provisión axeitada de servizos, a persoa con autismo pode mellorar a súa calidade de vida e compensar ao máximo os déficits que presenta a súa discapacidade.

 

Características clínicas