autismogalicia.org

  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size
  • Español
  • Galician (Galego)

O Hospital Teresa Herrera únese ao programa AP_TEA de Autismo Galicia para mellorar a atención sanitaria a persoas con autismo

Correo-e Imprimir PDF

 

 

O xerente do CHUAC, Luis Verde, sexto pola esquerda, seguido da presidenta de Autismo Galicia, María José Álvarez Folgar, a directora xerente, Patricia Blanco, a responsable de Saúde da FAG, Teresa García, e a xefa do servizo de Neurofisioloxía, Catía Martínez, xunto con profesionais do Hospital Teresa Herrara, na área de Neurofisioloxía


A Federación Autismo Galicia (FAG) vén de implantar o seu programa de Mellora á Atención Sanitaria ao Paciente con Autismo, AP_TEA, no Hospital Teresa Herrera da Coruña. Esta iniciativa dada a coñecer hoxe no CHUAC permite aumentar a comprensión dos espazos e os servizos que este centro presta as persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA). A presentación contou coa presencia do xerente do CHUAC, Luis Verde,  a xefa do servizo de Neurofisioloxía, Catia Martínez, a presidenta de Autismo Galicia, María José Álvarez Folgar, a directora xerente Patricia Blanco e a responsable de Saúde, Teresa García.

O AP-TEA implantouse na área de Neurofisioloxía, onde se colocaron sistemas alternativos e aumentativos da comunicación para mellorar a accesibilidade cognitiva dos espazos e unha secuencia de anticipación do procedemento de realización dunha proba de electroencefalografía. Desta forma, o paciente con autismo poderá dispoñer na súa casa de información sobre onde será a proba, que lle van facer, que vai ocorrer na consulta de neurofisioloxía e reforzar, posteriormente na sala de espera onde vai a realizar a proba, con que profesional sanitario e cales serán os pasos do procedemento.

Outra das accións que contempla o AP-TEA é a formación ao profesional sanitario para unha mellor adecuación as necesidades e demandas das persoas con TEA.  Débese ter en conta que esta persoas presentan dificultades para saír do seu entorno habitual e para procesar a información. Por este motivo é de gran axuda anticipar as situacións  e os contextos, como unha proba ou unha visita médica.

O método de traballo para desenvolver o programa AP_TEA require un alto grado de implicación por parte do sector sanitario. Autismo Galicia atopou esta implicación na Xerencia de Xestión Integrada da Coruña, contando co apoio da xerencia e dos profesionais, que sendo coñecedores do programa se puxeron en contacto coa FAG e posteriormente aportaron a súa experiencia e coñecemento.

Este sitio utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se non cambia a configuración do seu navegador, Vostede acepta o seu uso. + INFO.