autismogalicia.org

  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size
  • Español
  • Galician (Galego)

Terapia con asnos en Allariz para nenos e adultos: aberto o prazo de inscrición

Correo-e Imprimir PDF

Ábrese o prazo de inscrición para as actividades do Programa de Ocio, Tempo Libre e Campamentos do mes de setembro, que consistirán en dúas viaxes de 6 días cada unha á vila de Allariz, onde os usuarios poderán realizar terapias asistidas con asnos ademais doutras actividades de ocio.


A terapia con asnos realizarase nas instalacións da Asociación Andrea, dedicada especialmente ao ocio e á terapia con asnos e que conta cun equipo terapéutico e psicopedagóxico para a realización das actividades. Ademais dos profesionais da asociación, os usuarios estarán acompañados polos monitores da Federación Autismo Galicia con formación especializada e experiencia en TEA, cos que realizarán outras actividades como sendeirismo, visitas a museos e vilas próximas, así como obradoiros e xogos.


Co obxectivo de adaptar as actividades ás capacidades e gustos dos participantes, establécense dúas quendas: unha do 1 ao 6 de setembro dedicada a nenos e nenas de 6 a 16 anos e outra do 22 ao 27 de setembro dedicada aos maiores de 16 anos.

 

Durante a viaxe, os usuarios aloxaranse nos bungalows do camping “Os Invernadeiros” situado en Allariz, unha zona da provincia de Ourense declarada como Reserva da Biosfera pola UNESCO.


As actividades con animais representan un complemento moi valioso á intervención habitual que reciben as persoas con autismo. Polas súas características físicas, o seu movemento ou a súa temperatura, o asno axuda á persoa a reforzar o equilibrio e a psicomotricidade. Ademais, o vínculo co animal resulta moi beneficioso a nivel emocional e social, mellorando a comunicación, a autoestima e a confianza. A nivel familiar, esta viaxe de 6 días axuda ás persoas con autismo a desenvolver a súa autonomía e as súas relacións sociais, mentres os familiares e coidadores habituais gozan dun tempo de descanso.


Para quen? Nenos a partir dos 6 anos e adultos con TEA. Darase preferencia aos usuarios das entidades federadas.

Cando? A primeira quenda do 1 ao 6 de setembro para rapaces de 6 a 16 anos e a segunda do 22 ao 27 de setembro para os maiores de 16 anos.

Onde? A terapia con asnos desenvolverase na Asociación Andrea e o aloxamento será no camping “Os Invernadeiros”, ambos en Allariz (Ourense).

Prazo de inscrición? Ata o 4 de xullo ás 14:00

Canto custa? 175€ no caso dos nenos e 160€ no caso dos adultos, a aboar unha vez se confirme a praza.

Os usuarios das entidades federadas poden presentar a súa solicitude a través da asociación á que pertencen ou ben directamente a Autismo Galicia.

Para máis información, consulta o tríptico de actividades para nenos ou actividades para adultos ou ben contacta con Autismo Galicia no 981 589 365 ou a través de Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo


Financiado pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.


Este sitio utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Se non cambia a configuración do seu navegador, Vostede acepta o seu uso. + INFO.