Logotipo de la Federación Autismo Galicia

¿Quen somos?

 

Autismo Galicia é unha Federación de Fundacións e Asociacións que teñen como Misión mellorar a Calidade de Vida das persoas con Trastornos do Espectro Autista (T.E.A.) e a das súas familias”.

 

Fundada o 16 de decembro de 1995, é unha entidade sen ánimo de lucro, declarada de Utilidade Pública, e recoñecida como entidade Prestadora de Servizos Sociais e entidade de Acción Voluntaria.

 

A Federación basea a súa actuación nos Principios de transparencia informativa, participación, solidariedade, igualdade e democracia interna; e defende os seguintes Valores:

 

  • Consideración da persoa con Trastornos do Espectro Autista como suxeito con dereitos e deberes en igualdade de condicións ao resto das persoas.
  • Calidade total nas Entidades e servizos.
  • Importancia da Familia en todos os programas orientados á intervención coas persoas con Trastornos do Espectro Autista.
  • Necesidade de colaboración entre profesionais e Familias para un funcionamento eficiente e de calidade das Entidades.

 

Entidades da Federación:

 

Once son na actualidade as entidades que forman parte de AUTISMO GALICIA e que prestan servizos nas catro provincias da comunidade.

 

Os servizos que prestan as entidades da Federación son:

 

Servizo de Valoración, Diagnóstico e Orientación: Equipos multidisciplinares de profesionais especializados no campo dos T.E.A., que emprega instrumentos validados internacionalmente e que proporcionan un diagnóstico baseado nas clasificacións internacionais (DSM IV-TR, CIE-10). Este servizo está destinado a todas aquelas persoas cunha sospeita de presenza dun T.E.A. e as súas familias que precisen da atención específica necesaria para unha valoración que proporcione a base de cara a unha intervención axustada.

 

Servizos de Atención a Familias: atención e asesoramento a familias de cara a contribuír a mellorar a calidade de vida da unidade familiar.

 

Centros Educativos: con programas de desenvolvemento individual para nenas/os.

 

Centros de día: que teñen como obxectivo desenvolver un conxunto de coñecementos, habilidades e actitudes que permitan aos usuarios acadar maior autonomía persoal, social e laboral.

 

Residencias: onde desenvolver unha vida independente das familias.

 

Servizos de promoción do voluntariado: figura, a do voluntario, esencial na realización de labores de apoio para favorecer a integración e participación na vida da comunidade das persoas con T.E.A.

 

As entidades desenvolven diversos proxectos e programas educativos e asistenciais de cara a mellorar a calidade dos servizos que prestan ás persoas con autismo e o fan con criterios de calidade total.

 

Mapa de entidades

 

Descarga dos Estatutos da Federación

 

Descarga do Regulamento de Réxime Interno da Federación

 

AUTISMO GALICIA é membro de Confederación Autismo España, da Asociación Autismo Europa e do CERMI-GALICIA

 

AUTISMO GALICIA desenvolve o seu traballo a través de distintos departamentos (Apoio, Comunicación, Emprego, Formación, Xestión) que planifican, coordinan e levan a cabo accións e actividades consecuentes coa misión e fins para os que foi fundada esta Federación.

 

Ás nosas entidades prestámoslles servizos relacionados coas áreas de actuación, ademais de coordinación de proxectos, captación de fondos ou representación institucional entre outros.

 

Traballamos con elas en comisións que abranguen temas relacionados coa educación, servizos para adultos ou xestión, propiciando o traballo en rede e a planificación de actuacións entre as entidades e entre estas e a propia Federación.

 

Ao noso colectivo de atención, persoas con Trastornos do Espectro Autista e ás súas familias, ademais, ofrecémoslles servizos de atención directa como formación, emprego, ocio e tempo libre ou respiro familiar.

 

A todas as persoas que o demanden achegámoslles información sobre os Trastornos do Espectro Autista, servizos que en Galicia se prestan para as persoas afectadas e as súas familias, atención a familias, formación especializada, colaboramos na realización de estudos, sensibilizamos e difundimos a realidade do noso colectivo:

 

  • Colaboramos con familias
  • Colaboramos con estudantes
  • Colaboramos con organizacións, empresas, medios de comunicación social
  • Colaboramos con colectivos do ámbito educativo, sanitario, social

 

Algúns dos nosos proxectos reflíctense, entre outros, en traballos como a Guía Empregamos, Protocolo e Decálogo de Atención Sanitaria a Pacientes con Autismo, Estudo sobre a visión dos T.E.A. nos medios de comunicación, Boletín Informativo do Autismo na Rede, Estudos Epidemiolóxicos, Maremagnum: publicación galega sobre os trastornos do espectro autista.

 

Organigrama
Plan Estratéxico da Federación
Plan Estratéxico de Emprego
Memorias