Cookies

Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 09/04/2024 | Autismo Galicia implanta melloras en Accesibilidade Cognitiva nos Centros de Atención á Discapacidade da Xunta de Galicia.

Autismo Galicia implanta melloras en Accesibilidade Cognitiva nos Centros de Atención á Discapacidade da Xunta de Galicia.

A Federación Autismo Galicia e a Consellería de Política Social establecen unha colaboración destinada á mellora da accesibilidade cognitiva nos Centros de Atención á Discapacidade de Sarria, Redondela e A Coruña.
 

09/04/2024

Traballo conxunto entre o Servizo de Accesibilidade Cognitiva de Autismo Galicia, e a Consellería de Política Social
 
O proxecto de mellora da accesibilidade cognitiva nos centros de atención á discapacidade de Sarria, Redondela e A Coruña desenvolveuse neste primeiro segmento do ano 2024. Grazas á irmandade entre Autismo Galicia e o seu servizo de accesibilidade cognitiva, e a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, púidose establecer un medio idóneo para a materialización e realización desta iniciativa de carácter integrador e global en accesibilidade cognitiva.
 
Dende o servizo de accesibilidade cognitiva da Federación Autismo Galicia traballamos dende o ano 2020 para o fomento da participación en igualdade para todas as persoas na nosa sociedade. Con este obxectivo xeral abordamos o proxecto de accesibilidade cognitiva nos centros de atención á discapacidade xunto coa Consellería de Política Social, establecendo unha  canle para dotar aos centros de recursos concretos para a abordaxe e mellora da accesibilidade cognitiva nos mesmos.   
 
As persoas con autismo ou con dificultades a nivel cognitivo que se atopan nos centros de atención a persoas con discapacidade presentan un colectivo amplo, polo que este proxecto vese amparado pola necesidade de sensibilizar as súas contornas de convivencia e facelas máis sinxelas e axeitadas ás necesidades individuais e colectivas dos usuarios e usuarias dos centros. 
 
Proxecto de accesibilidade cognitiva nos Centros de Atención á Discapacidade
 
O servizo de accesibilidade cognitiva da Federación Autismo Galicia, executou e desenvolveu as actividades correspondentes ao proxecto de accesibilidade nos 3 Centros de Atención a persoas con Discapacidade de Sarria, Redondela e A Coruña. As diversas actuacións que conformaron este proxecto, focalizáronse en dúas áreas fundamentais e de vital relevancia dende unha visión inmersa en accesibilidade cognitiva:
 
1)   Avaliación, análise e implantación de sinalética nos espazos: o obxectivo é proporcionar unha orientación espacial clara e facilitar a autonomía nos espazos para todas as persoas, incluídas aquelas con autismo ou outras necesidades cognitivas. Incluíronse actuacións para determinar as necesidades específicas de cada contorna, e mais coñecer os puntos fortes e débiles en canto a accesibilidade. Deste xeito, deseñáronse pictogramas totalmente adaptados, e confeccionouse un informe avaliativo que recollía as particularidades dos centros e mais estratexias para abordar a accesibilidade cognitiva a todos os niveis nos Centros de Atención á Discapacidade. 
 
2)      Formación especializada en accesibilidade cognitiva: Levouse a cabo unha formación exhaustiva para o persoal dos centros, con o obxectivo de fomentar a accesibilidade cognitiva e a calidade da atención brindada ás persoas con autismo. Esta formación incluíu estratexias prácticas para a sensibilización e cara a aplicación práctica no medio da accesibilidade universal (e cognitiva), a comprensión das necesidades individuais e creación de contornas participativas.
 
 
Participación e autonomía como obxectivos principais da accesibilidade cognitiva
 
O proxecto de accesibilidade cognitiva tivo como eixo dous obxectivos principais, que se establecían na promoción da autonomía persoal na transformación dos espazos para facelos máis amables e máis accesibles cognitivamente, fomentando a participación dos individuos no seu contexto máis próximo. Para iso abordáronse tanto os recursos espaciais como persoais dos diferentes centros.
 
Axeitáronse as actuacións na mellora dos espazos: indicacións claras, precisas e sinxelas para designar espazos ou direccións. E igualmente dotouse ao persoal traballador de estratexias e ferramentas para o seu día a día en accesibilidade cognitiva, a través dun seminario formativo conxunto. Estas actuacións facilitan unha adecuación de toda a contorna ás necesidades individuais e colectivas das persoas que conviven nos diferentes centros de atención, facendo máis sinxela a súa vida diaria e a relación entre eles e elas.
 
A través desta sinerxía afianzamos outro paso máis cara un futuro baseado no compromiso de garantir que todos os cidadáns, independentemente das súas habilidades ou necesidades persoais, teñan acceso a contornas que lles permitan participar na sociedade dunha maneira plena e máis satisfactoria.
 
 
O desenvolvemento desta colaboración foi posible grazas a Consellería de Política Social e os Fondos Next Generation.
 
 
 

Archivada en:
Infórmate > Noticias