Cookies

Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 10/04/2024 |

As entidades sociais galegas fan un chamamento a marcar o X Solidario na súa Declaración da Renda

No 2023, 153 organizacións de acción social de toda Galicia, entre elas a Federación Autismo Galicia e as súas entidades, levaron a cabo 733 proxectos que beneficiaron de xeito directo a un mínimo de 146.500 persoas.

 

10/04/2024

Na campaña anterior, un 54,5% dos contribuíntes galegos e galegas, marcaron o recadro do X Solidario (24.528 máis que no ano anterior), recadándose 24.029.488 de euros, (2.638.195 euros máis que o ano anterior).

Se todas as galegas e galegos marcasen o X Solidario, a asignación final en Galicia sería de 39.461.392€, é dicir, 15.431.905 € máis dos recadados.

As entidades do Terceiro Sector de Acción Social galego, representadas por EAPN- Galicia, CERMI- Galicia e Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG), reuníronse un ano máis con motivo do inicio da campaña do X Solidario para intentar que máis galegas e galegos se sumen a marcar o cadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”.

A Praza da Quintana en Santiago de Compostela acolleu o acto de rúa da presentación da campaña onde entidades e persoas beneficiarias fixeron un novo chamamento para que o financiamento económico que chega a través do 0,7% do IRPF continúe crecendo e así posibilite que as ONG poidan seguir prestando servizos e desenvolvendo programas dos que resultan beneficiarias milleiros de persoas. A iniciativa, que contou coa colaboración do Colexio oficial de Arquitectos de Galicia, consistiu na elaboración dun X xigante cunha tea laranxa no medio da praza.

Por outra banda, as entidades tamén animaron a todas aquelas persoas que xa están sensibilizadas a apoiar a difusión da campaña, que este ano chega ás redes coa etiqueta #EquipoXSolidaria. A lectura do manifesto realizouse no interior das instalacións do Campus Stellae e contou cunha intérprete en lingua de signos, Noemí Vázquez Miguez, da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAPXG).

 

 

Correu a cargo da Presidenta da Plataforma de Organización de Infancia de Galicia (POIG), Mónica Viqueira, o Secretario Xeral do CERMI-Galicia, Carlos Fernández Lamigueiro e do Director de EAPN-Galicia, Xosé Cuns, quenes reclamaron á Xunta de Galicia, responsable da regulación do procedemento de reparto de axudas, unha simplificación burocrática e unha única convocatoria.

 

Mónica Viqueira, (POIG), Carlos Fernández Lamigueiro (CERMI-Galicia) e Xosé Cuns (EAPN Galicia) na lectura do manifesto

Un recadro que cada ano conta con máis adeptos

Durante o 2023, a campaña recadou en Galicia 24.029.488 €, grazas a que 775.395 persoas (o 54,5% do total de contribuíntes) marcaron o X Solidario na súa Declaración, o que supón unha recadación de 30’99 € por persoa.

Un éxito porque foron 24.528 persoas máis que no 2022, o que permitiu recadar 2.638.195 € máis. Aínda así, 647.628 contribuíntes seguen sen marcar o X Solidario (530.187 non marcaron ningún recadro e 117.441 só marcaron o da Igrexa). Se todos os galegos e galegas marcasen o X Solidario, a asignación final en Galicia sería de 39. 461 392 Euros (15.431.905 € máis).

A nivel estatal, a campaña da renda do ano pasado recadou 475.902.000 € grazas a que 12.052.295 persoas marcaron o X Solidario súa Declaración, é dicir, un 53% do total de persoas declarantes. O que supón que o número de persoas contribuíntes solidarias creceu en case 2 millóns nos últimos 10 anos.

Neste recadro, pódese ver o recadado por cada oficina:

#EquipoXSolidario

Todos estes fondos recibidos durante a campaña do ano pasado axudan a dar resposta a realidades concretas: apoio ás persoas con discapacidade intelectual e as súas familias, educación para a saúde, teleasistencia, centros de atención integral para as mulleres diagnosticadas de cancro de mama, residencias, atención a persoas xordas na súa contorna socio-familiar, atención a mulleres en dificultade social, centros de día, atención a persoas sen fogar, erradicación de violencia de xénero, atención á poboación rural desfavorecida e programas de voluntariado, transporte en vehículos adaptados, entre outros moitos.

Dende as entidades de acción social galegas queremos recordar que marcando o X Solidario, o recadro de Fins Sociais, nin se paga máis nin se recibe menos cartos no caso de devolución e, como contrapartida, contribuímos á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan.

Máis información: https://www.xsolidaria.org/

 

Archivada en:
Infórmate > Noticias