Cookies

Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 08/05/2024 | Entrevista coa especialista en comunicación aumentativa e alternativa a través da linguaxe natural asistida, Claudia Adelina Benegui.

Entrevista coa especialista en comunicación aumentativa e alternativa a través da linguaxe natural asistida, Claudia Adelina Benegui.

O próximo sábado, 25 de maio terá lugar en Santiago de Compostela un curso presencial sobre Comunicación Aumentativa e Alternativa a través da Linguaxe Natural asistida, organizado pola Federación Autismo Galicia.
 

08/05/2024

Os sistemas aumentativos e alternativos da comunicación (SAAC) son formas de expresión distintas á linguaxe falada, que teñen como obxectivo aumentar e /ou compensar as dificultades de comunicación e linguaxe de moitas persoas. A persoa encargada de impartir esta formación, cóntanos máis polo miúdo que imos aprender.

Que imos encontrar en este curso?

En este curso encontraremos o necesario para entrar no marabilloso campo da Comunicación Aumentativa e Alternativa (CAA), desde a teoría ata a parte práctica.
A formación partirá da evidencia científica e as boas prácticas, empezando polos falsos mitos dos prerrequisitos de implementación de un comunicador e as bases teóricas da CAA e os Sistemas Aumentativos e Alternativos da Comunicación (SAAC), pasando polo cambio de paradigma cara un modelo de participación social.
Abordarase en profundidade o desenvolvemento da linguaxe e as habilidades do interlocutor, así como a avaliación da competencia comunicativa en CAA, logrando así crear un plan de implementación e de apoio para as persoas con necesidades complexas ás que acompañas no día a día.

A que nos referimos cando falamos de Linguaxe Natural Asistida?

A Linguaxe Natural Asistida (LNA) é unha estratexia que se enmarca dentro dos modelos naturalistas, que trata o desenvolvemento da linguaxe como unha actividade cognitiva e non algo condutual, facendo responsable de todo o proceso de implementación aos compañeiros de comunicación, liberando de esta maneira a todos os nenos e nenas con Necesidades Complexas de Comunicación (NCC) das falsas crenzas dos prerrequisitos*
 
Desde este paradigma, para construír e desenvolver a linguaxe dos aprendices, é imprescindible que e o adulto apoie a súa linguaxe oral na linguaxe simbólica do sistema de comunicación, utilizando a técnica do modelado, durante situacións diarias, motivadoras e significativas.
En moitas ocasións, espérase que as persoas con NCC utilicen o seu sistema de comunicación no seu día a día, pero realmente non se ofrecen modelos adecuados e por iso, prodúcense asimetrías no desenvolvemento da súa linguaxe.
 
A realidade é que non podemos esperar que as persoas con NCC aprendan a usar o seu  SAAC sen ter modelos, polo que a estratexia do modelado é a base da aprendizaxe da  linguaxe en estes casos. Temos que falar a través do seu SAAC para que eles vexan como se usa o seu sistema de comunicación e como se constrúe a linguaxe.
Pero hai que ter moito coidado con este termo, que ás  veces se adoita confundir con moldeado e ollo, que non significa o mesmo, pero todo isto, verémolo  ao longo da formación.
 
Como poden os SAAC facilitar a adquisición da linguaxe en persoas autistas que teñen dificultades para comunicarse verbalmente?
 
Propoñer o uso de un sistema de comunicación cando hai desafíos na linguaxe oral, é fundamental. Esperar a que chegue algún prerrequisito, non ten ningún tipo de sentido, de feito, hai estudos que nos din que canto antes empecemos, mellor.
 
Ao implementar un SAAC é importante realizar unha avaliación inicial e contemplar a realidade de cada usuario e familia, que sexa personalizado e algo moi importante, que permita medrar á persoa, a súa linguaxe e que poida usar todas as funcións de comunicación, onde queira, cando queira e con quen queira.
 
Este é un tema moi amplo, xa que a literatura xa nos fala de que non existe só unha maneira de desenvolver e abordar a linguaxe como estamos acostumados, o desenvolvemento analítico da linguaxe, senón que tamén está o procesamento gestáltico da linguaxe e é importante abordar cada un desde o lugar que lle corresponde coas súas estratexias específicas e senón a intervención non vai ir ben encamiñada. Todo isto teremos a oportunidade de abordalo ao longo da formación.
 
Que beneficios ten o uso de Linguaxe Natural Asistida tanto para a persoa como para a contorna que a rodea?
 
A Linguaxe Natural Asistida (LNA), realmente ten multitude de beneficios, é unha rampla de acceso á linguaxe. A cantidade e a calidade de exposición ao seu sistema de comunicación e, por tanto, a ese input lingüístico dos adultos, influirá directamente no desenvolvemento da linguaxe posterior.
 
Xa no ano 1998, autores como Wood facían fincapé na importancia do modelado. Modelar realmente axuda aos aprendices a ampliar e reter a mensaxe durante máis tempo grazas ao apoio visual e ademais axuda a establecer unha relación directa entre a palabra falada, pictograma e referente.
 
Todo isto mellora a comprensión das mensaxes e favorece a creación de respostas adecuadas para cada contexto.
Por resumir un pouco, algúns dos beneficios de esta estratexia son:
  • Proporciona un maior coñecemento do seu sistema de comunicación.
  • Lexitima o uso do SAAC como un medio de expresión.
  • Ensina ao usuario de CAA como se usa o seu SAAC, en que contextos e con que propósitos.
  • Aumenta a comprensión e a expresión da linguaxe.
  • Fai que os compañeiros de comunicación pensen máis as mensaxes e, por tanto, proporcionen máis tempo aos usuarios a procesar a información, mellorando así as quendas de conversación.
 
Cales son os desafíos máis comúns aos que se enfrontan as familias e profesionais que apoian a persoas con autismo ao implementar a Linguaxe Natural Asistida e como poden superarse?
 
Ao principio, as persoas que comezan a traballar a CAA baixo este paradigma séntense abafados.
Os desafíos principais que encontramos son desde barreiras actitudinais de outras persoas que acompañan ás persoas autistas, crendo que o enfoque de esta metodoloxía é demasiado para elas, ata desafíos que xurdan nas rutinas diarias: como personalizo o comunicador, que vocabulario teño que introducir, como modelo, que teño que modelar, cando... entre outras moitas cousas.
 
Hai que deixar claro que isto non é fácil e non ocorre de un día para outro, require unha boa valoración e uns obxectivos moi claros de intervención, así como unha inmersión lingüística continua. Por suposto, é moi importante destacar o acompañamento por parte de profesionais especializados no ámbito da CAA.
 
 
 
Claudia Adelina Benegui é ponente e logopeda en La Fábrica de Palabras. Directora do Centro Con Mis Palabras, clínica de logopedia especializada no desenvolvemento infanto-xuvenil e acompañamento familiar. Especialista en CAA Asistida con Tecnoloxía pola Universidade de Castela A Mancha, así como en Intervención Logopédica en Patoloxía Neurolóxica e Neurodesenvolvemento e en Atención Temperá. Experta en Terapia Orofacial e Miofuncional.
 
 
*Prerrequisitos: Requisitos que deben aparecer para que as habilidades lingüísticas se desenvolvan de maneira axeitada. Por exemplo a imitación.
 
 
 
 
 
 
 

 

 

 

Archivada en:
Infórmate > Noticias