Cookies

Noticias 

© Federación Autismo Galicia | 19/04/2024 | Autismo Galicia e a Fundación ENKI seguen impulsando a inclusión das persoas con autismo no ocio activo dentro do Proxecto Rumbo.

Autismo Galicia e a Fundación ENKI seguen impulsando a inclusión das persoas con autismo no ocio activo dentro do Proxecto Rumbo.

Autismo Galicia visita as instalacións da Fundación ENKI no espazo Amizar de A Coruña, para establecer novas accións de colaboración e continuar impulsando a inclusión das persoas con autismo en actividades deportivas e de ocio.
 

19/04/2024

Tras a boa acollida da iniciativa levada a cabo no nadal para a creación dunha sala amigable no centro comercial Marineda City, e coa boa sintonía establecida entre as dúas entidades, ENKI e Autismo Galicia reúnense para definir novas accións de colaboración comúns que faciliten o acceso ó ocio e ó deporte ás persoas con autismo.
 
Cun obxectivo común, favorecer a participación das persoas con autismo na sociedade a través do desfrute do ocio e avogando pola inclusión, Autismo Galicia colaborará no desenvolvemento dunha ferramenta en liña que ENKI está poñendo en marcha e que ten como obxectivo servir de buscador de actividades accesibles e inclusivas para persoas con diversidade funcional, entre elas, as persoas con autismo.
 
Outras accións que levaremos a cabo de maneira conxunta están relacionadas coa procura de apoios e a mellora da accesibilidade das actividades deportivas para que as persoas con TEA poidan desfrutar delas en mellores condicións, así como na sensibilización a diferentes axentes comunitarios sobre as necesidades que as persoas no espectro do autismo presentan neste eido.
 
Esta alianza enmárcase dentro do proxecto Rumbo, pois unha das liñas de traballo consiste en desenvolver actuacións específicas que aborden os desafíos e as barreiras ás que as persoas con autismo se enfrontan no ámbito do ocio e da participación. É fundamental que as persoas no espectro do autismo teñan acceso a opcións de ocio inclusivas que lles brinden a oportunidade de explorar os seus intereses, desenvolver ás súas habilidades e desfrutar de experiencias enriquecedoras en igualdade de condicións que o resto da cidadanía.
 

SOBRE O PROXECTO RUMBO

O ‘Proxecto Rumbo: cara un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva’ é unha iniciativa colaborativa desenvolta entre distintas confederacións do Terceiro Sector da discapacidade (COCEMFE, ASPACE, PREDIF, FEDACE e AUTISMO ESPAÑA). O obxectivo é impulsar o deseño de modelos innovadores de apoio á autonomía persoal e á vida independente de persoas con discapacidade, especialmente aquelas con maiores necesidades de apoios, mediante a combinación de servizos e recursos que poidan facilitar unha forma de vida inclusiva na sociedade en condicións de seguridade, accesibilidade e benestar.

Este proxecto, que conta coa participación de 22 entidades de estas confederacións, repartidas en cinco comunidades autónomas, está financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, con cargo ó Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, ligado á súa vez ós fondos NextGenerationEU da Unión Europea.

 

 

 



 

 

Archivada en:
Infórmate > Noticias